A sétima vida de Simón, o gato

Boas novas de Simón, o gato. Está ben de saúde e atópase de marabilla no seu novo fogar.
César Carracedo
marzo 28, 2021

Hoxe traémosvos noticias dun vello colega de DZ… Simón!!

Simón o gato. O gato que ten unha conta en facebook e centos de fotos nas redes e que durante anos se gañou o afecto de toda a xente que se achegaba polo Concello de Lalín.

Simón desapareceu da rúa hai un ano. Estaba moi enfermo… Tanto que na clínica veterinaria a onde o levaron as voluntarias de Bigotes Lalín – Colonias de Gatos dixéronlles que se seguía naquelas condicións non tardaría en morrer. As analíticas non presaxiaban nada bo e ademais… descubriuse que Simón tiña tres balíns aloxados no corpo! Nalgún momento da súa vida, alguén se dedicara a probar puntería con el…

Con moitos coidados e moito mimo, Simón saíu adiante. E hoxe vive feliz nun novo fogar despois de ser adoptado. Tan feliz como nós de saber que está ben e de poder velo en acción no vídeo que vos deixamos aquí.

Tamén vos deixamos en facebook nos comentarios o relato de como é a nova vida de Simón, escrito pola persoa que o acolleu na súa casa. Moitas grazas a ela. E moitas grazas a Bigotes Lalín – Colonias de Gatos (en especial a Mar Sotelo e Luz Fernández Blanco). Polo traballo, polas xestións e por coidar de Simón e de moitos coma el.

Novas relacionadas