Durán deixa o Balonmán Lalín: “Somos unha famila, quédome con iso”

Seareiros e xogadores botaremos de menos a un home que sempre destacou polo seu compromiso, o seu compañeirismo (nas duras e nas maduras) e, como non, pola súa calidade baixo paus.
Daniel Santalla
agosto 18, 2021

O mítico gardián do Balonmán Lalín, Carlos Durán, vén de anunciar a súa retirada definitiva das pistas tras 35 anos de paixón e entrega a un deporte e a un club no que pasou practicamente toda a vida con 20 anos no primeiro equipo. “Será raro ver a portería sen don Carlos Durán”, dicía hoxe o club no post de Facebook no que oficialmente se anunciou a súa despedida. E abofé que si. Seareiros e xogadores botaremos de menos a un home que sempre destacou polo seu compromiso, o seu compañeirismo (nas duras e nas maduras) e, como non, pola súa calidade baixo paus.

“Non quería marchar sen cumprir o soño de xogar na B, pero a miña labor agora está máis na grada criticando e animando cunha cervexa na man”

Con 43 anos e centos de paradas decisivas e imposibles nas súas costas, marcha despois de cumprir o soño de xogar na B co equipo da súa vida e orgulloso de ver como un grupo humilde e da casa pode competir na segunda categoría do balonmán español. Di adeus convertido nunha lenda dos “vermelli-negros”, pero se con algo se queda na súa dilatada traxectoria é “coa gran familia que forma o Balonmán Lalín”.

Carlos Durán recoñece que a idea de pór punto e final “xa a tiña meditada”. “A idea era deixalo hai dous anos pero non quería quedar co sabor agridoce de perder a experiencia de xogar co Lalín en Prata. Iso sempre pesou”, recoñece.

Tras falar coa directiva e co adestrador, Durán púxose a disposición do club “para o que fixera falta”, mais consciente de que que este ano non ía haber problema nunha portería na que están o recén ascendido Xavi, Tomás Villarroel e Ivi, considerou que “era o momento de deixar espazo para os que veñen detrás”. “Atópome ben e Pablo incluso me abriu as portas para seguir adestrando, pero penso que o meu labor agora ten que estar máis na grada, desfrutando do Balonmán preto do bar tomando unha cervexa”, di entre risas.

Grazas, Carlos!

Foto: Balonmán Lalín.

Novas relacionadas