Coa colaboración de Biodiversidade do Deza. Non é o nome dunha personaxe de Star Wars, nin sequera o dunha nova cepa de coronavirus. Z370 é o número identificativo inscrito no anel da cegoña melidense que elixiu o campanario da igrexa de San Miguel de Goiás para vivir. Chegou o ano pasado xunto coa súa parella e ambas construíron con esmero e, non sen certa polémica, o niño neste elemento patrimonial.

As cegoñas volven cada ano ao mesmo niño para criar e o regreso desta parella foi recollido hai uns días a polos amigos de Biodiversidade do Deza. Agora, dedicaranse durante un tempo a arranxar o niño deteriorado polo paso do tempo e as inclemencias meteorolóxicas. Farano aportando paus na procura da mellor das casas para os seus poliños. O aporte constante de material fai que os niños de cegoña poidan alcanzar os 2 metros de diámetro e entre 200 e 400 quilos de peso. Ambos pais participarán na incubación e na cría, nun claro exemplo de custodia compartida no reino animal.
Grazas ao anelamento sabemos que Z370 naceu no 2019. Foi anelada durante unha xornada na que participaron os alumnos do IES de Melide. A identificación permite saber que nestes primeiros meses de 2022 o exmplar cumprirá 3 anos de vida. Tanto ela como a súa parella están ben. Longa vida a Z370!
