O cuco é un dos símbolos da transición do inverno á primavera. En DZ levamos desde finais de marzo detrás del e aínda que o puidemos escoitar hai xa varios días, é un paxaro tan escorredizo de ver que para mostrárvolo tivemos que botar man do vídeo que nos deixaron os amigos de Biodiversidade do Deza, onde aparece cantarexando de mañá.
Aproveitamos, de paso, para recomendarvos que se non o facedes aínda, sigades a súa páxina, unha fantástica “fiestra aberta á natureza e aos ecosistemas” da nosa comarca.
Cuculus canorus é o nome científico desta ave de medio tamaño que cada ano pregoa o final do inverno e o renacer da vida na primavera. O cuco é unha especie migradora que pasa o outono-inverno en África e volve ás zonas de cría a finais de marzo ou comezos de abril. É un animal bastante adaptable no seu hábitat que gusta tanto de bosques con mesta vexetación como de terreos abertos e cultivos con árbores próximas. No Catálogo Nacional das Aves está considerado como “de interese especial”.
Alén do seu canto é moi coñecido pola súa estratexia reprodutora que basea en poñer os seus ovos no niños doutros paxaros que serán os que os incuben e os que críen despois o polo. Para que as outra aves caian no engano a femia do cuco é capaz de mimetizar o aspecto dos seus ovos cos do niño que vai ocupar. Pode chegar a poñer nunha primavera ata 25, aínda que un só por cada niño alleo. Esta forma de cría fai que o cuco se asocie ao fraude, ao egoísmo e mesmo á infidelidade conxugal.
Na cultura popular galega é un “becho” moi presente. Son moreas os refráns, cantigas ou ditos que o nomean. Entre os máis soados na zona: “Entre marzo e abril sae o cuco do cubil”. “Entre marzo e abril ou vén o cuco ou ven a fin”.
Coa colaboración e o vídeo de Biodiversidade do Deza.
Aquí vos deixamos o link á súa páxina.
https://fb.watch/4VnD13GdhO/