Tras máis de seis anos de loita social liderada principalmente pola plataforma Salvemos Catasós e dunha dura batalla xudicial e política, o conflito da LAT O Irixo-Lalín parece tocar definitivamente ao seu fin. A Fraga de Casas Vellas quedará protexida desta ameaza co soterramento por parte de Unión Fenosa Distribución do trazado desde o enlace da AP-53 en Catasós ata a subestación eléctrica do Alto de Vales ao longo da antiga N-525.
A xustiza tombou en 2017 a licencia que a empresa tiña outorgada pola Xunta de Galicia para construír o tendido eléctrico e ratificou a través do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia esta decisión en 2019 ao desestimar o recurso interposto pola enerxética. Deste xeito, as únicas alternativas viables para a execución da LAT pasaban polo cambio do trazado ou polo soterramento.
Finalmente a actual Naturgy opta pola segunda posibilidade e desenvolverá un proxecto que, por outra parte, xa fora reclamado desde o inicio do conflito por sectores ecoloxistas e algúns grupos políticos e que ata hai pouco tempo a propia empresa consideraba inviable ante o sobrecuste económico, que ascende a uns dous millóns de euros máis.
O alcalde, José Crespo e o director da compañía en Galicia, Julio Gonzalo, deron conta onte aos grupos da oposición deste novo proxecto en trámite que suporá enterrar a rede eléctrica de alta tensión nun traxecto de máis de 4 quilómetros evitando o seu paso pola Fraga de Casas Vellas. A infraestrutura permitirá “anelar” Lalín pechando un circuíto con dúas fontes de alimentación coas que garantir un subministro eléctrico suficiente e de calidade para empresas e particulares.
A empresa está ultimando o novo proxecto técnico para remitilo á Xefatura de Industria e obter o antes posible as autorizacións necesarias. Calculan dispoñer dos permisos nun prazo aproximado de 6 a 8 meses e que as obras poidan estar finalizadas ao cabo de dous anos.