Carboeiro confírmase como un dos puntos máis visitados do interior da provincia de Pontevedra

O mosteiro bateu o seu récord de visitas nun mes de setembro, con máis de 1.700 entradas.
Redacción
octubre 13, 2021

O Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro volve superar as cifras que se rexistraron nos últimos anos. O pasado mes de setembro, o cenobio recibiu un total de 1.705 entradas, a cifra máis alta nun mes similar dende a última década.

Para poder contrastar esta cifra coa anterior máis alta, hai que retroceder a setembro de 2017, cando se acadou unha cifra de 1.597 visitas, polo que se constata un considerable aumento.

No perfil turístico, ó igual que meses anteriores, obsérvase unha maioría de mulleres de entre 35 e 65 anos que se achegaron coa súa familia e no seu vehículo ata o antigo cenobio; aínda que un 5% decidíu facer o sendeiro do Deza e por tanto chegaron a pé ata o Mosteiro.

En canto a procedencia, a maioría viña de Galicia (75%), máis concretamente da provincia (50%) e da cidade (139 pax.) de Pontevedra. Non obstante, un 26% das visitas procedían do resto de España, sendo en gran parte persoas da comunidade de Madrid (134 pax.) e, por outro lado, un 3% corresponde ao resto do mundo, de lugares como Portugal, Francia, Rusia, Australia, Bélxica, …

Neste verán, foron en total máis de 9.400 as persoas que visitaron o mosteiro silledense, tendo en conta as boas cifras dende o mes de xuño (con 1.182 visitas); xullo, con 2.398; e os récords acadados en agosto (4.148) e setembro, con1.705 entradas.

O mosteiro de Carboeiro conta dende o pasado 16 de setembro con horario de outono, abrindo as súas portas de martes a domingo en horario de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 19:00 horas.

Novas relacionadas