A Valedora admite a queixa de Roteiros de Lalín sobre o caso dos parques eólicos de Valdepereira e Pico Seco

Explican que A “omisión do trámite de exposición pública vulnerou dereitos fundamentais”
Daniel Santalla
marzo 8, 2022

Roteiros de Lalín, despois de presentar unha queixa á Dirección Xeral de Enerxía da Xunta de Galicia e non obter reposta, elevou á Valedora do Pobo unha reclamación contra as “gravísimas irregularidades que se produciron no trámite de exposición pública dos proxectados parques eólicos de Valdepereira e Pico Seco entre os Concellos de Lalín e O Irixo”.

Entenden que “os feitos están claros e acreditados documentalmente e demostran que o trámite de exposición pública destes proxectos foi omitido “totalmente nos Concellos de Lalín e de O Irixo”. A situación é tan aberrante e as irregularidades son tan graves e palmarias que a Valedora do Pobo admitiu a queixa a trámite case de inmediato”, explica a asociación ao tempo que asegura que “a falta de exposición pública vulnera dereitos fundamentais e deixa indefensas ás persoas afectadas que se ven privadas do seu dereito a coñecer os proxectos que lles afectan e lles impediu formular alegacións”.

Roteiros sinala que as irregularidades comezaron xa na propia Xunta de Galicia, na Dirección Xeral de Enerxía e Recursos Naturais. A Xunta de Galicia non habilitou en tempo e forma o enlace de descarga da documentación dos proxectos, polo que perdéronse case a metade dos 15 días de prazo para as alegacións. Esta circunstancia dou lugar a unha queixa da Asociación Petón do Lobo e a propia Xunta de Galicia recoñeceu esta eiva por escrito sen ampliar o prazo de alegacións.

Posteriormente o Concello de Lalín non fixo a exposición pública á que estaba obrigado e esta circunstancia foi recoñecida por escrito polo Secretario do Concello que emitiu senllas certificacións nas que se expresa que “por razóns organizativas internas do Concello, dito expediente non se expuxo ao público nas datas sinaladas no escrito da Xunta de Galicia”, polo que O Concello de Lalín non fixo a exposición pública privando á veciñanza da posibilidade de coñecer os proxectos e de presentar no seu caso alegacións.

Pero moito máis grave aínda foi o que aconteceu no Concello de O Irixo que tampouco realizou o trámite de exposición pública ao que estaba obrigado. Temos noticia de que unha veciña foi ao Concello o día 23 de decembro de 2021 e alí non había nada da documentación dos parques eólicos a exposición pública. Nese momento presentou un escrito solicitando que se exhibise a documentación, escrito que non lle foi contestado. A pesar  das dúas queixas presentadas por esta veciña, a Secretaria-Interventora do Concello de O Irixo faltando á verdade, certificou por escrito que se fixera o trámite de exposición pública neste Concello. A esta veciña non lle quedou máis remedio que acudir ao Xulgado de Garda a presentar unha denuncia por esta falsedade e polo trato recibido. A certificación que fai a Secretaria do Concello de O Irixo falta á verdade. O Xulgado admitiu xa a trámite a denuncia por prevaricación contra o Alcalde e por falsedade en documento público contra a Secretaria e abriu unha investigación sobre estes feitos. Nese procedemento, a denunciante acudirá a declarar e a aportar toda a documentación que acredita completamente todo o acontecido. O Código Penal establece penas de inhabilitación para os autores destes delictos e no caso do delicto de falsedade en documento público impón pena de prisión para os casos máis graves.

Estas mesmas irregularidades estanse producindo nos proxectos de moitos máis parques eólicos en Galicia. Agora nas resolucións de exposición pública xa se omite que se faga nos Concellos afectados o que incumpre a normativa totalmente. Esto aconteceu na liña eléctrica de evacuación destes parques eólicos que se presentou por separado e tamén no proxecto do parque eólico Marcofán, onde xa non se dispón que se faga a exposición pública nos Concellos afectados. Por todo isto, a asociación ecoloxista ADEGA vai levar ás institucións europeas estas irregularidades pois vulneran varias directivas comunitarias, e un dos casos que se poñerán como exemplo é o acontecido cos parques eólicos de Valdepereira e Pico Seco.

Os Concelleiros e Concelleiras do Partido Popular de Lalín e de O Irixo cos seus votos nestes concellos rexeitaron dúas mocións que solicitaban a repetición do trámite de exposición pública dos parques eólicos de Valdepereira e Pico Seco, algo que ante as gravísimas irregularidades producidas sería necesario, e ao non facerse vicia de nulidade todo o trámite administrativo destes proxectos, polo que en caso de demostrarse as irregularidades terán que dar explicacións e asumir as responsabilidades que correspondan.

Novas relacionadas