A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, acompañada do xefe de Industria da Subdelegación, Pablo de Castro, reuniuse onte co alcalde de Lalín, José Crespo, para abordar diferentes cuestións relativas aos parques eólicos de tramitación estatal que afectan ao municipio dezao. No transcurso do encontro a subdelegada fixo fincapé en que a administración do Estado, “ao igual que a autonómica e a local, está obrigada por Lei a admitir a trámite calquera expediente do seu ámbito competencial, como neste caso son os de enerxía eólica de xestión ministerial que se promoven por todo o territorio”.
“Que se dea trámite aos proxectos non quere dicir que se lles outorgue autorización”, aclarou a subdelegada, ao tempo que recordou que “a lexislación de avaliación ambiental de España é unha das máis restritivas de Europa para as enerxías renovables e contempla mecanismos de garantía para frear aqueles proxectos que se atopen en zonas cun maior impacto para o medio ambiente e o territorio”. Maica Larriba subliñou que “o Estado non pode descartar proxectos “porque si” ten que facelo de maneira motivada, seguindo uns trámites e contando con expedientes completos”.
Así, a subdelegada do Goberno incidiu en que “o Goberno de España non ten ningunha intención de xerar incertidume nin de facerlle gastar os cartos aos Concellos, pero está obrigado por Lei a completar a avaliación ambiental de cada parque aínda que de antemán se saiba que ten poucas posibilidades de prosperar”. “Isto foi o que aconteceu coas iniciativas de Green Capital en Lalín”, explicou, “onde a escasa madurez dos proxectos propiciou que a empresa promotora solicitara a súa retirada no prazo outorgado polo Goberno a cambio de recibir o aval económico depositado no inicio do proceso”.
Maica Larriba insistiu durante a xuntanza co alcalde de Lalín en que a declaración de impacto ambiental é un proceso garantista cuxa resolución corresponde ás Direccións Xerais de Medio Ambiente e de Enerxía dependentes do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO). Neste complexo e meticuloso procedemento participan tamén os concellos e a Xunta de Galicia, a quen dentro das súas competencias se lle teñen requerido informes sectoriais de ámbitos como Augas de Galicia, Medio Ambiente, Patrimonio, etc.
O alcalde de Lalín avogou por establecer un entente cordial entre Xunta, Goberno e concellos co obxecto de favorecer unha mellor coordinación interadministrativa nun momento no que existe unha gran demanda para promover proxectos de enerxía renovable. A subdelegada do Goberno comprometeuse a dar traslado desta demanda ao Ministerio e apelou á necesidade de favorecer unha relación máis activa entre administracións e cidadanía neste escenario de auxe da implantación de enerxías renovables en zonas rurais.
Doutra banda, Maica Larriba e Crespo Iglesias coincidiron en que o actual proceso de descarbonización e transición ecolóxica fai necesario que se incremente a produción de enerxía limpa, de modo que instaron a traballar de maneira transversal entre administracións para potenciar a enerxía eólica.