A Plataforma de Afectados polos Eólicos rexistra máis de 2.200 alegacións contra o parque de Porcallos e Val do Folgoso

O alto número de recursos presentados reflicte segundo o colectivo “o gran compromiso social que houbo para loitar contra estes proxectos”
Daniel Santalla
mayo 1, 2021

A Plataforma de Veciños de Afectados polos Eólicos informou hoxe nunha rolda de prensa do rexistro de máis de 2.200 alegacións para “parar o parque eólico de Monte dos Porcallos e Val do Folgoso. “A resposta social foi moi grande e querémolo agradecer”, sinalou a veciña, Manuela Carral.

Xabier Souto, pola súa banda, explicou que os recursos se tramitaron nos diferentes rexistros da zona pero tamén noutras partes de Galicia como o Courel, Pontevedra e Santiago. “Non poidiamos chegar e plantar 700 alegacións nun rexistro municipal porque o saturabamos e por iso tivemos que ilas distribuíndo por toda comunidade”, aclarou.

O alto número de recursos presentados reflicte segundo a plataforma “o gran compromiso social que houbo para loitar contra estes proxectos”. Destacaron a implicación de múltiples establecementos de Lalín para recoller sinaturas, salientando que “na Praza da Igrexa superamos todas as expectativas”.

Ademais das alegacións xestionadas pola Plataforma hai máis colectivos, veciños e entidades que tramitaron as súas propias, polo que se estima que o número total de recursos rexistrados a poucos días de que remate o prazo pode ascender a unhas 1.500.

Para os membros da Plataforma “Isto mostra que estamos ante unha cuestión que é de toda a veciñanza”. Nesta liña adiantaron que a sociedade se segue organizando fronte os macroparques nos diferentes Concellos e que se tratará de colaborar para establecer unha rede ampla de loita a nivel comarcal. “Despois deste asalto virán outros intentos para os que será fundamental estar xuntos”, destacan.

Segundo o veciño, Javier Hita “detectouse nestes días un trasego constante de veciños para asinar as alegacións, o que denota a vontade pública de parar isto”. “É moi interesante que a cidadanía se manteña activa e que non pense que isto xa se acabou” engadiu.

Por último, destacaron a utilidade das plataformas veciñais ante a “palpable falta de información que existe entre a cidadanía”.

Novas relacionadas