O Diario Oficial de Galicia DOG publica hoxe a orde do 28 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma durante a tempada de 2022 que comezará con carácter xeral para a pesca da troita o próximo 20 de marzo.
Como principal novidade que afecta á comarca do Deza atopamos a inclusión de dous novos tramos libres de pesca sen morte. O primeiro, de 4,1 quilómetros de lonxitude está no río Arnego compartido entre os concellos de Agolada e Lalín, con límite superior na Ponte Vilariño e inferior na xunta do rego de Lodeiro. Trátase da primeira masa de captura e solta obrigada que se pon en marcha no segundo río máis importante da comarca.
Así mesmo, a parte alta do Deza, no Candán (Lalín) contará con outro tramo libre de pesca sen morte. Terá 8,4 quilómetros de lonxitude, con límite inferior na ponte Bustelo, en Gondoriz e superior na ponte da Trigueira.
O río Deza xa dispón desde hai anos cun tramo libre de pesca sen morte de 4,1 quilómetros que vai desde a xunta do rego de Mera ata a Ponte de Saídres en Vila de Cruces e Silleda. Ademais, conta coa zona acoutada sen morte de Carboeiro.
Como cotos de pesca tradicional seguirán vixentes na comarca os de Rodeiro, no Arnego, o de Taboada, no Deza, e o de Lalín, no Asneiro.