Denuncian que hai vestiarios no Arena que levan máis dun mes sen auga quente

Os socialistas pídenlle a Avelino “menos prepotencia e máis autocrítica cunha instalación que non para de espertar queixas”. O goberno local concedeulle ao PSOE acceso ao informe sobre a inspección de sanidade o 21 de marzo, dous meses despois da solicitude.
Daniel Santalla
enero 26, 2022

O PSdeG-PSOE de Lalín denuncia queixas de deportistas que utilizan as pistas de xogo do Lalín Arena, tanto do Balonmán Lalín, como doutros clubs, pola falta de auga quente nos vestiarios desde hai máis dun mes. “Esta deficiencia”, din “arrástrase por varias semanas mentres o concelleiro de Deporte, Avelino Souto, mira para outro lado e non fai nada por solucionala, pois prefire perder o tempo mentindo na prensa para ocultar o pésimo funcionamento desta instalación deportiva”.

A concelleira, Alba Forno, reclámalle ao concelleiro “máis autocrítica e menos prepotencia” e lémbralle que “se escoitara un pouco á xente e aos usuarios do Arena e fose un pouco menos arrogante, entendería que existen múltiples deficiencias, queixas e exemplos de mal funcionamiento e pésima xestión do complexo deportivo”. “A realidade é que os nenos seguen sen cursiños de natación e que non se sabe nada de cando van volver, que nalgúns vestiarios non hai auga quente e que faltan monitores ou material nunha instalación novaque custou 9 millóns de euros”, engadiu.

Doutra banda, a concelleira denuncia que tras solicitar acceso ao expediente de inspección de sanidade no que supostamente se certifica que o Arena está en perfectas condicións, o goberno do PP non outorgou acceso ata o 21 de marzo, máis de dous meses despois de rexistrar a solicitude. Forno considera “unha tomadura de pelo” este prazo e sostén que “é a mostra de que o concelleiro ten algo que ocultar”.

Finalmente pregúntalle a Avelino Souto se existen inspeccións sanitarias no Arena “amigas” e outras“inimigas” segundo se gobernan no Concello “amigos”ou “inimigos”. Forno pídelle ao edil “que se poña a traballar e que deixe de dicir disparates sobre supostas campañas planificadas contra a súa xestión do Arena” e esíxelle “que deixe de botar balóns fóra citando continuamente ao goberno anterior, -sen competencias desde hai tres anos- para ocultar o seu nulo balance como concelleiro”.

Novas relacionadas