Quen sabe se temos en Silleda un futuro campión da Fórmula 1! Desde logo que Christian Costoya trazas leva… Con só 10 anos é un dos máis brillantes pilotos do karting a nivel internacional en categoría Mini, onde corre contra rivais que alcanzan os 14. A pesar da súa curta idade, o seu gran nivel fai que xa se pense na posibilidade de dar o salto o ano que ven a Junior.
É que a súa destreza e espectacularidade ao volante levou a que os máis prestixiosos equipos desta disciplina se fixasen nel. Finalmente acabou iniciando esta tempada no italiano Parolin onde está moi satisfeito tanto co trato do equipo como co rendemento do kart. Costoya destacou nas WSK Súper Master Series e no Trofeo Andrea Margutti onde colleitou dous terceiros postos. Malia todo quedoulle un sabor agridoce, pois despois de ser o mellor nas previas, diferentes contratempos acabaron por impedir a vitoria final.
Christian ten unha nova oportunidade a partir de mañá e durante toda a fin de semana no Campionato Italiano de Karting, que se inicia para a categoría Mini no renovado circuíto de Val Vibrata. Posteriormente disputará as WSK Euro Series con boas sensacións para ambas probas e co obxectivo claro de facerse cos campionatos. Para logralo está adestrando moi duro, non só sobre as 4 rodas, senón tamén con sesións físicas de bicicleta ou carreira a pé.
Afeito ás continuas viaxes entre Italia e Galicia, Christian Costoya -que domina o inglés e o italiano, amais do galego e o castelán- agradécelle aos mestres o esforzo que realizan para impartir clases a distancia cando se atopa lonxe de Silleda.