O IES Pintor Colmeiro de Silleda gaña o certame provincial de regueifa

A alumna Rosalía Agra Otero, do centro silledense, foi unha das catro gañadoras a nivel individual.
Redacción
noviembre 19, 2021

A II Edición do Certame Provincial de Regueifa ten xa os seus gañadores: o IES Pintor Colmeiro de Silleda, o CPR Quiñones de León e o IES Álvaro Cunqueiro de Vigo. Os centros de ensino gañadores foron os que máis alumnado foron quen de clasificar para a final, sendo o IES de Silleda, con cinco rapaces e rapazas, o mellor posicionado.

Todos eles, a través da súa cativada, amosaron “grande imaxinación, gracia, e un amplo dominio da lingua galega na improvisación das súas coplas”, segundo destacaron o presidente do ORAL Galicia, Carlos Alonso, e a responsable de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega, impulsores da iniciativa.

A final do Certame tivo lugar hoxe no CVC de Valadares en Vigo, e para chegar a ela desenvolvéronse varias cribas ata chegar as e os gañadores: unha primeira fase por grupos na que quedaron 20 mozas e mozos seleccionados, e outra na que dos 20 restantes escolléronse as e os catro regueifeiros gañadores a nivel individual (ex aequo): Brais Soliño Lorenzo (do IES Pedra da Auga de Ponteareas), Alba Pérez Vila, do IES Alexandre Bóveda de Vigo; Rosalía Agra Otero, do IES Pintor Colmeiro de Silleda; e Julia Vidal Abuín, do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo.

No certame de regueifa, ademais do IES Pintor Colmeiro de Silleda, tamén participou por parte da comarca do Deza o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.

O presidente do ORAL Galicia e a deputada de Lingua María Ortega salientaron o mérito, a imaxinación, a gracia e o dominio da lingua galega por parte da rapazada.

Novas relacionadas