Nones Araújo gaña o premio Modesto R. Figueiredo de narración curta, organizado en Silleda

A autora viguesa alzouse co galardón outorgado pola Fundación Pedrón de Ouro, novamente en colaboración co Concello de Silleda, co relato “Paseniño… a desmemoria”. Mariña Pérez Rei e Xosé Lois Rúa Nuñez acadaron os dous acceses nesta 47 edición do certame.
Redacción
enero 29, 2022

O premio de narración curta Modesto Rodríguez Figueiredo, convocado pola Fundación Pedrón de Ouro, vén de fallarse no Concello de Silleda, que colabora, por segundo ano consecutivo neste certame que cumpre a súa 47 edición.

A mestra e escritora Nones Araújo (Riós, 1953), alzouse co galardón polo relato “Paseniño… a desmemoria”, unha narración, a decir do xurado, breve, sen artificios, natural e realizada cunha linguaxe de moita calidade.

O xurado destaca ademais a temática interesante do relato, “onde sobresae significativamente a desmemoria das palabras e se define nunha boa construción literaria”.

Afincada dende nena en Vigo, Nones Araújo é mestra xubilada e suma este novo galardón a outros recoñementos como o premio Ánxel Fole de narración curta por “Imaxes Roubadas”, coa que gañou o premio en 2021.

Este primeiro premio do Modesto R. Figueiredo está dotado cun premio económico de 1.000 euros.

Na sesión, tamén se decidiu outogar outros dous acceses. O primeiro deles é para Mariña Pérez Rei polo relato “A pérfida gringa”. Profesora de Lingua Galega e Literatura no IES Eduardo Pondal de Santiago, ten publicada obra en diferentes xéneros e suma este recoñecemento a premio como o Antón Lueiro Rei, o Lourenzo Baleirón de poesía e o Avilés de Taramancos de relato de aventuras.

O segundo accese foi outorgado ao relato “O fado das marafonas”, da autoría de Xosé Lois Rúa Núñez (Castrelo de Val, 1951), escritor e xornalista ourensán.

Cada un destes premios conta cunha dotación de 400 euros. O acto de entrega realizarase o vindeiro mes de marzo no municipio de Silleda.

O xurado estivo formado por Tareixa Pérez Tilve –mestra e escritora, en representación do Concello de Silleda-, Xosé M. Eiré –da Asociación Galega de Crítica Literaria-;, Rubén Eiré –representante do Pen Glube Galicia; Agustín Agra ( pola AELG) e Adolfo Caamaño ( pola Fundación Pedrón de Ouro, como gañador do pasado ano), baixo a presidenca de Xosé Ramón Fandiño Veiga (presidente do Pedrón de Ouro), actuando como Secretario, David Otero , Secretario da citada fundación.

Nesta edición concorreron un total de 57 traballos. O Modesto Rodríguez Figueiredo é o premio de narracións de máis anos en Galicia, e conta cun carácter itinerante facendo participes cada ano a distintos concellos de Galicia. O de Silleda xa foi sede na edición do pasado ano, que mor da pandemia se entregou máis tarde do previsto.

Dende o Concello e a Fundación valórase a gran acollida que vén tendo esta convocatoria cada ano, destacando as obras de autores e autoras novos, e cunha grande nómina de autores gañadores que forman parte da coñecida domo “Xeración Pedrón”.

Novas relacionadas