Voluntarios de Protección Civil de Vila de Cruces denuncian “represalias” do Goberno local por pedir transparencia na agrupación

Acusan a Xuntos de non ter interese en que o servizo funcione.
Redacción
febrero 8, 2023

Novo capítulo na crise en Protección Civil en Vila de Cruces.

Parte dos voluntarios aseguran ter sufrido “represalias persoais” por parte do goberno local tras pedir explicacións pola “falta de transparencia” na agrupación. Entre outras cousas, pedían que se presentasen as contas a finais de ano, e moito máis “sendo unha agrupación sen ánimo de lucro e pública, na que os cartos son dos veciños e para os veciños”.

Agora estes voluntarios inciden tamén en que “non hai interese por parte de ningún dos representantes do goberno por facer que a entidade funcione”. Como exemplo disto, lembran que non se respondeu a ningunha das preguntas que formulou o BNG no pleno do pasado 30 de xaneiro sobre a situación en Protección Civil.

E ante esta falta de resposta, son eles mesmos os que deciden responder a esas cuestións:

1 Quen está agora mesmo na directiva?
“Agora mesmo non hai directiva. O alcalde, como máximo responsable de Protección Civil , nomeou un voluntario como xefe en funcións ata novas eleccións”.
2 Cando se vai retomar a elección da directiva?
“Segundo o goberno de Xuntos, o día 17 de xaneiro comunicóuselle ao xefe en funcións que nun prazo de mes ou mes e medio habería as novas eleccións”
3 Quen son as persoas que teñen acceso á conta da agrupación?
“Segundo a información que temos nós neste momento, e despois do problema da falta de transparencia co que seguimos, son o alcalde e o novo xefe en funcións”.
4 Quen xestiona o material e roupa para os voluntarios?
“O pouco que temos de roupa -porque de material estamos sen nada- xestiónano entre o goberno e o novo xefe en funcións, prohibíndolles aos voluntarios usar roupa e material que eles mesmos adquiriron de Protección Civil, pero tampouco están pola labor de subministrarllo”.
5 Hai interese por parte do Goberno de que está agrupación funcione?
“Segundo o que se está a ver, non hai interese por parte de ninguén dos Goberno. Dende que dimitiu a anterior presidenta oficialmente o día 13 de decembro, houbo tempo de sobra para convocar unhas eleccións. Tampouco tiveron interese en falar cos voluntarios denegándolles en varias ocasións reunións que solicitaron. A día de hoxe so conseguimos unha co alcalde, na cal nos demos de conta de que era descoñecedor de moita información, non proporcionada polo tenente de alcalde”.

“Estas”, conclúen, “son as respostas as preguntas do BNG dende o noso punto de vista dende dentro da agrupación. Somos voluntarios e creemos que non pedimos nada para nós, senón para os veciños, para darlles un servizo ás súas necesidades”.

Novas relacionadas