O BNG de Lalín denuncia “o acto de electoralismo burdo e desesperado” que protagonizaron o Alcalde de Lalín e o Conselleiro de Medio Rural, ao anunciar un investimento de 12 millóns para a execución de parcelarias nas parroquias de de Cristimil, Galegos e Goiás – Xaxán – A Veiga. Tres procedementos que xa foran publicados no DOG do 16 de novembro de 2022, e anunciadas con data de 27 de outubro pola Xunta.
Das 16 iniciadas, as primeiras xa van para 50 anos, das que remataron 5 (Santiso, Senín-Porto do Carrio, Meixome-Monte Campelo, Monte Roxidoiro); caducaron 3 (Filgueira, Monte de Baixo, Monte de Castro); en fase de execución 3 (con máis de 20 anos; Noceda-Bendoiro-Anzo-Madriñán-Busto, Val Bermés-Sello, e Cercio); 1 en Acordo (Vilatuxe) ; e as tres que fican agora anunciadas por Decreto.
O voceiro municipal, Francisco Vilariño, lembra que Crespo anunciou hai catro anos que este ía ser o mandato do rural, mais “a realidade é que non fixo nada do que prometeu e agora, intenta vender fume para intentar tapar a súa nefasta e inexistente xestión”.
Vilariño afirma que “temos un rural esquecido pola institución local grazas á inexistentes políticas do señor Crespo, do que non se soubo nada del ao longo deste mandato nin se lle agarda”
Para os nacionalistas é evidente que o PP de Lalín está en “modo electoral on”, debido ao mal que lle dan as enquisas que manexan”, Vilariño apunta que “os nosos veciños e veciñas do rural queren servizos e oportunidades equiparables ao urbano, e non anuncios á desesperada que son un auténtico engano”.
Desde o BNG recordan que teñen solicitado en múltiples ocasións, tanto a nivel local como do Parlamento galego, poñer na axenda política a importancia que para os nosos veciños e veciñas do rural ten mover ficha para impulsar os procesos de concentración parcelaria no noso concello, en varios casos paralizados desde hai décadas.
Apunta que “resulta tan evidente esta urxencia que en varios lugares pode darse a casuística de que cando rematen xa non existirá ningunha explotación gandeira ao ter desaparecido ao longo de eterno proceso, o que supón non só unha enorme contradición senón un desbalde de cartos públicos gravísimo”.