O PP de Vila Cruces defende a xestión realizada durante o seu goberno a prol de Protección Civil

Repróchanlle ao alcalde, Luís Taboada, de compartir "falsidades" e de "acusar o paso dos anos".
Redacción
febrero 15, 2022

Desde o Grupo Municipal Popular de Vila de Cruces censuran, “unha vez máis, as palabras e as continuas alusións que o equipo de desgoberno de Vila de Cruces está a facer de forma reiterada cara ao noso grupo, nun intento desesperado por enganar aos veciños e veciñas do municipio, supomos para conseguir un meyor rédito electoral”.

Neste caso, referírense, din, “ás falsidades que o alcalde Luís Taboada compartiu nalgún medio de comunicación”.

En primeiro lugar, dinlle ao rexedor que en Vila de Cruces “hai servizo de Protección Civil desde hai máis de 20 anos, por se se equivocou ou por se se cre o creador de algo”. Ademas, este servizo “estaba operativo as 24 horas do día, estando sempre á fronte del a actual presidenta xunto con dous concelleiros e un traballador municipal asignado a esta agrupación de voluntarios con praza fixa, como así figura na RPT”.

Así mesmo, o 98% de voluntarios que figuran na lista deste servizo “son os mesmos que había durante o noso goberno, por tanto, non entendemos moi ben que se asegure que o noso grupo tiña a este servizo no esquecemento”.

“Para máis paradoxo”, dende o PP din non saber moi ben se o alcalde “acusa o paso dos anos, pois debemos lembrar, que precisamente, este traballador municipal asignado ao servizo de Protección Civil desde hai máis de 14 anos foi cesado do devandito posto por el, quedando recolocado no departamento de vías e obras como operario de servizos múltiples, cando a súa praza era de Protección Civil”. En conclusión, “o equipo de desgoberno substituíu este traballador por outro traballador temporal do programa PROL, pagado pola Xunta de Galicia”.

Tamén lle lembran a Luís Taboada que Protección Civil de Vila de Cruces “sempre estivo equipada con coches e numeroso material, proba do compromiso do noso grupo con este colectivo é o noso apoio firme á solicitude da dotación dun novo vehículo, algo que está próximo a producirse unha vez que a Xunta entregará a este colectivo o terceiro vehículo en breves”.

Ademáis, dende o PP cruceño sinalan que “mentres gobernamos o municipio, apoiamos, na maior medida das nosas posibilidades dotando de material e orzamento a este servizo”.

Así, afirman que “todos os servizos de Protección Civil sempre estiveron cubertos, tanto pola parte que lle tocaba ao concello como por parte de todos os voluntarios, dos que estamos enormemente agradecidos por todo o seu labor desempeñado en beneficio de todos os veciños, calquera día do ano e a calquera hora”.

Conclúen dicindo que “os voluntarios con mais de 20 anos de servizo prestado a Protección Civil de Vila de Cruces son Luís Lareo, José Manuel Sánchez (Torreiro) e Susana Cea”.

Novas relacionadas