Logo da resolución da Valedora do Pobo a respecto das actuacións en Portodemouros para garantir un servizo permanente e axeitado aos tempos actuais, o BNG acusa á Xunta de Galiza e a Augas de Galiza de “favorecer os interese de Naturgy en detrimento dos dereitos da veciñanza do noso concello”.
En resposta ás peticións da valedora, Naturgy fai unha relación das obras acometidas ao longo do tempo para garantir a prestación do servizo e tamén fai referencia aos días que non houbo servizo da barcaza, total uns 30 días no 2022.
Pola súa banda, Augas de Galiza di que non lle consta que Naturgy incorrese en ningún incumprimento das obrigas impostas na concesión. Por contra, cre que Naturgy sempre actuou de xeito dilixente no que atinxe a transporte e cumprindo as actuacións esixidas pola administración.
Este servizo só pode ser interrompido por causas de forza maior. Neste contexto, o BNG cre que os motivos polos que estivo interrompido o servizo ao longo de 2022, especialmente o mes que estivo paralizada por causa dunha inspección, “non son causas de forza maior”, senón “actuacións previsibles”.
Polo tanto, para os nacionalistas, deberían haber outra barcaza que prestara o servizo durante a inspección. Por outra banda, esa barcaza que data do ano 1975, con varias reformas ás súas costas “xa debería estar fora de servizo”.
“Deben proceder a dotar o servizo cunha nova barcaza que garanta un servizo axeitado aos tempos actuais, que garanta a seguridade dos que viaxen nela e que evite tantos paros por reparacións”, din dende o Bloque. Fiuza recorda que o BNG presentou esta proposta no Parlamento que fóra aprobada por unanimidade.
Tras a “mobilización social e do BNG”, a Valedora do Pobo decide actuar de oficio, e recoméndalle á Consellaría a necesidade de que no prazo dun mes dea conta da aceptación da recomendación formulada, e das medidas adoptadas para darlle efectividade.
Ademais das “deficiencias da barca, das rampas de acceso e da iluminación”, o BNG resalta a “necesidade de mellorar o acceso dende a EP-6405 ata o ferri”, e amosa o seu compromiso para arranxar e habilitar o acceso pola pista de A Casela, co fin de ofrecer aos usuarios un acceso con maior seguridade, ademais de reacondicionar a pista que dá acceso dende Reboredo, cun novo firme e a instalación de barreiras de seguridade.
Os nacionalistas din que, segundo se desprende do escrito da Valedora, Naturgy informa dos cortes de servizo ao alcalde. Por iso, “este tamén é responsable xa que debería ser o primeiro en pedir unha nova barcaza para garantir o servizo permanente e seguro, en lugar de agradecerlle á empresa a instalación de iluminaria, que segundo a mesma non estará lista ata decembro de 2023, tras décadas de abandono”.
Fiuza afirma ” que na política hai que facer propostas realistas, con vontade e coa seguridade de poder cumprir, e non prometer pontes en vésperas de eleccións”.