O BNG volve advertir de que “a pesar do escurantismo do desgoberno, somos coñecedores de parte da débeda que o equipo de Luis Taboada lle está a ocasionar a varias empresas que prestan os seus servizos ao concello, con facturas pendentes de pago dos anos 2021 e 2022”.
Preguntase cales son os criterios de pago, xa que “delegan a xestión financeira nunha asesoría externa, que nin tan sequera é de Vila de Cruces, en lugar de facelo na interventora, que é a funcionaria que se debe encargar destas competencias”.
Dende o BNG ven unha soa solución, e é que as contratacións e compras “débense facer dende a transparencia, pola vía legal, con informes de necesidade e os pagos deben seguir rigorosamente a orde do rexistro de entrada”.
“Isto”, lamentan, “non se está a dar, xa que as queixas que nos chegan da veciñanza poñen de manifesto este descontrol”.
O BNG “xa está a traballar nesta dirección”, vén de solicitar unha relación das facturas pendentes de pago, e acceso ao rexistro municipal do último ano e medio das facturas presentadas polos distintos provedores e pedirá tamén a comparecencia do alcalde no próximo pleno ordinario para dar conta da débeda e os motivos que levan a esta lamentable xestión financeira.