O Concello de Vila de Cruces vén de informar da suspensión da degustación da XXI Feira de Nadal do Galo de Curral.
“Cando estaba todo preparado, mesmo xa se enviaran a outras institucións e representantes dos concellos lindeiros as invitacións para a Feira de Nadal do Galo de Curral, as últimas indicacións que están a chegar da Xunta de Galicia e a responsabilidade do goberno de Vila de Cruces fixo que se teña que tomar esta decisión”.
O tenete de alcalde, Julio López, “acordou co presidente dos criadores do Galo a decisión do goberno de non celebrar a famosa degustación do produto no día da Feira de Nadal do Galo de Curral, unha decisión que ao presidente dos criadores, parécelle razoable mesmo ata o punto de cancelar por completo a Feira”, din dende o Concello.
Julio López propuxo que, aínda que non se poida celebrar a degustación, “si se pode acondicionar a Praza de Abastos para que todos os criadores que queiran ofertar os seus produtos poidan facelo e realizar as súas vendas como de costume, axudando así a este sector nestas datas cruciais para vender os seus produtos”.
O alcalde Luís Taboada “está totalmente de acordo coa decisión que adoptaron ao cancelar a degustación porque”, segundo palabras do alcalde, “o primeiro que temos que ter en conta é a saúde dos nosos veciños e veciñas e as condicións de contaxios que se están vivindo estes días non son as máis propicias para realizar este tipo de eventos, é mellor deixar de facelas agora e que se podamos gozalas máis adiante”