Veciños de Sesto e Brocos acusan á Xunta e ao PP local de “abandonalos” ao excluílos das parcelarias

Afirman que a Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, na reunión de onte con veciños, deu datos falsos sobre a actividade agrarias nas parroquias. Fai 5 anos que asinaron a solicitude o 100% das explotacións e o 98% da veciñanza
Redacción
febrero 14, 2023

Os veciños e veciñas de Brocos e Sesto séntense “abandonados” pola Xunta e polo PP local ao non estar estas parroquias incluídas nos novos procesos de reestruturación parcelaria que anunciaron onte que se van acometer en Agolada.

“Consideramos moi necesario acometer estes procesos para o desenvolvemento das nosas aldeas co obxecto de rematar co despoboamento e o abandono ao que nos someten os nosos gobernantes”, din.

A veciñanza non comparte o criterio que se utilizou para desbotar a estas parroquias neste anuncio feito pola Xunta en Agolada.

Acusan á directora xeral de Medio Rural de expoñer “datos falsos” para apoiar a negativa da Xunta a facer as concentracións nestas 2 parroquias. Inés Santé dixo na reunión que Sesto e Brocos quedaban excluídos deste proceso por non contar con case actividade agraria.

Os veciños e veciñas desbotan este argumento falso, xa que en Sesto e Brocos existen bastantes máis explotacións agrarias das que dixo a directora xeral. De feito a realidade multiplica por cinco en cada unha das 2 parroquias os datos que manexa Medio Rural.

A veciñanza de Sesto e Brocos considera “fundamental” acometer estas infraestruturas nas nosas parroquias, igual que no resto de parroquias do municipio que veu anunciar a directora xeral de Medio Rural. “Igualmente que non entenderíamos que nalgunha das que se lles anunciou a boa nova quedase ao marxe por ter que facer as nosas concentracións, non entendemos por qué se nos discrimina deste xeito”, láianse.

Lembran que nestas zonas existe “un desexo manifesto de toda a veciñanza a prol da realización da reestruturación parcelaria”.

No seu momento asinaron a solicitude o 100% das explotacións agrarias existentes e o 98% da veciñanza das parroquias. Con tal unanimidade na reclamación de que se faga a parcelaria “non deberían existir escusas para non acometelas e deixarnos á marxe do proceso”.

Tamén se sinten “moi defraudados coa actitude do alcalde de Agolada” polo feito de non asistir a esta xuntanza cos representantes da Xunta de Galicia “co que nos deixou tamén totalmente desamparados”. “O que nos demostra, conclúen, que son todos iguais e apenas mostran interese polos problemas reais da poboación”.

Novas relacionadas