O Concello de Rodeiro tiña previsto celebrar hoxe a Comisión Especial de Contas e Patrimonio, paso previo para poder levar levar os orzamentos a pleno. Finalmente a sesión non se puido levar a cabo por falta de quórum. Os representantes de Unidade por Rodeiro e PSOE non asistiron e o PP de Rodeiro non ten concelleiros suficientes na comisión para garantir a súa celebración.
Previamente Unidade por Rodeiro e PSOE xa comunicaran a súa decisión de non acudir por varias razóns:
Unha delas é o informe económico-financeiro. Lembran que “debe ser elaborado por Intervención, como así aconteceu en anos anteriores. Non podemos aceptar este documento elaborado polo propio promotor dos orzamentos”.
A maiores, solicitan que se modifique o informe de bonificación, “xa que resulta incrible que unha bonificación fiscal xere maior recadación económica”.
Engaden que “a ausencia do informe económico-financeiro elaborado por parte de Intervención impide ós concelleiros/as a formación da súa vontade de cara ao debate e votación do acordo, e supón un ataque ó seu dereito constitucional de participar nos asuntos públicos, ademais dun incumprimento da lexislación local”.
Tamén sinalan que “o proxecto de orzamentos remitido é unha auténtica chapuza”. Describen un documento “cheo de erros aritméticos, incongruencias e ilegalidades e que supera o ámbito temporal do exercicio de 2023, inflando as cifras totais con ingresos e gastos que corresponden ao presuposto prorrogado de 2022”.
Neste contexto, Unidade e PSOE consideran que “a única opción viable é convocar aos grupos da oposición para colaborar na súa mellora, xa que, de feito, estes orzamentos van ter que ser executados polo próximo goberno municipal”.