Unidade por Rodeiro denuncia que o goberno local volve perder fondos públicos

Din que non se contratou a tempo aos traballadores do Plan Concellos da Deputación
Redacción
febrero 21, 2023

Unidade por Rodeiro asegura que “unha vez máis, a incompetencia deste goberno provoca que cada día se perdan fondos públicos”. Neste caso fan referencia aos fondos do Plan Concellos para a contratación de persoal.

Dende UxR explican que “o goberno municipal solicitoulle á Deputación de Pontevedra, a través da liña 3 do Plan Concellos, para a activación do emprego, 5 traballadores e traballadoras para o período que vai dende o 15 de febreiro ata o 31 de decembro.

Porén, a contratación destes empregados aínda non se levou a cabo. Por iso, “cada día que pasa pérdense 5 xornadas laborais cuxos fondos públicos se queda a Deputación de Pontevedra mentres o goberno local -por exemplo, para o PAI- ten subcontratado este servizo a unha empresa externa”.

“Namentres o goberno perde os fondos provinciais, temos que lle pagar a unha empresa para cubrir ese servizo”, recalcan dende UxR.

Indican ademais que “o goberno non pode dicir que os prazos eran xustos xa que esta convocatoria está aberta dende o 1 de novembro e o goberno rexistrou a solicitude o 24 de xaneiro”.

“Solicitar 10 traballadores, igual que anos anteriores, levoulles 85 días naturais”, afirman.

Din que “aínda é máis absurdo facer a solicitude o dia 24 de xaneiro e pensar que poderían comezar o dia 15 de febreiro. Unha vez máis, o goberno non ten nin idea de tramites administrativos, xa que o proceso de contratación de persoal ten un percorrido máis amplo”.

Sinalan que “o normal é que, unha vez que o goberno tramita tan tarde a axuda, que puxeran o comezo laboral para o 1 de marzo e así garantir que non se perden recursos públicos”.

Sosteñen que “esta neglixencia súmase a outras moitas perdas de execución de fondos públicos por non dominar o funcionamento da administración local”.

Conclúen dicindo que “é normal que a xente non lle dea credibilidade ás acusación de bloqueo por parte de UxR na execución dos 800.000€ de remanente nin outros tramites administrativos vendo que nin un tema tan sinxelo como este, tampouco o dan executado ben”.

Novas relacionadas