Unha concelleira do PP de Lalín acusa a DZ! de “desinformar” para tapar a súa “abismal” metedura de zoca no concurso das obras do Golmar

Foi un dos momentos do Pleno municipal de hoxe.
Redacción
septiembre 24, 2021

Cobrar tres mil euros ao mes non sempre é sinónimo nin garantía de capacidade. Tampouco de cultura nin de educación. E iso por máis que alguén ostente esas responsabilidades (as de Cultura e Educación) nun goberno municipal.

Á concelleira do PP Begoña Blanco abondoulle hoxe unha soa intervención en Pleno para demostrar que todas e cada unha destas afirmacións poden ser certas. Foi, en concreto, durante o debate dunha modificación de crédito para financiar as novas infraestruturas do colexio Xesús Golmar. Xa saben que -como lles adiantamos en DZ!- o concurso para estas obras quedou deserto.

Pero, no canto de asumir algunha responsabilidade por ser incapaz de sacar adiante esta iniciativa en máis de dous anos, a edil decidiu repartir culpas: botoullas a Intervención, aos técnicos, ao redactor do proxecto ou á subida “abismal” no prezo dos materiais de construción… O habitual nestes casos, vamos.

A sorpresa chegou cando -nun triple mortal con tirabuzón dialéctico- a señora Blanco decidiu culpar tamén a algún medio dixital por “desinformar” neste asunto. E, sen que sirva de precedente, imos darnos por aludidos, xa que fomos o único dixital que publicou esa información…

Señora Blanco, o grave non é que vostede minta. E minte, porque o que se publicou neste medio foron datos reais e contrastados, que incluso vostede mesma recoñeceu hoxe no Pleno. O realmente grave é que lle incomode que algún medio publique informacións que a vostede non lle gustan ou non lle conveñen, e que intente desprestixialo por exercer unha cousa que se chama liberdade de prensa. Nin que dicir ten que a liberdade de prensa é un dos piares sobre os que se sustenta a democracia en virtude da cal vostede é concelleira.

En calquera caso, señora Blanco, somos conscientes de que podería darnos leccións en moitos eidos, incluído neste. Sobre todo tendo en conta que forma parte dun goberno local nunha administración pública que, en pleno século XXI, aplica censuras e vetos a determinados medios de comunicación, incluído o noso. Por desgraza para vostede, o que non nos pode aplicar é ningún tipo de presión. Así que, talvez, o que realmente lle molesta é que a súa estratexia de intentar silenciarnos nin funciona nin vai funcionar.

Non se preocupe. Desta maneira, entre outras cousas, tamén poderemos seguir contando as súas grandes contribucións á política municipal de Lalín. Só dúas, por agora, para refrescar a memoria:

📍A primeira, organizar unha “sospeitosa” exposición de Maruja Mallo e Luis Seoane, con obras das que aínda está por demostrar a súa autenticidade. Sen dúbida con esta iniciativa conseguíu situar a Lalín no mapa cultural internacional.

📍A segunda, animar a un compañeiro de partido (“Cuerpo a tierra, que vienen los nuestros!”) a cometer unha grave irregularidade durante unha votación plenaria. Imaxinamos que Nardo Seijas nunca lle estará o suficientemente agradecido por darlle tanta visibilidade mediática.

E unha última cousa, señora Blanco… Un abismo é un lugar moi profundo. Polo tanto non pode haber subidas “abismais” de prezo, agás que o diga no sentido metafísico da palabra. 😉

Boas noites!

Novas relacionadas