Un concelleiro do PP suplanta a un compañeiro durante unha votación plenaria

Nardo Seijas emitíu un voto en lugar de José Cuñarro cando este se atopaba ausente. Fíxoo tras unha indicación da concelleira Begoña Blanco e co alcalde asentindo coa cabeza tras a manobra. O voto dun cargo político é persoal e indelegable.
César Carracedo
mayo 28, 2021

Sucedeu na votación dun punto no que todos os partidos políticos estaban a favor. No salón de plenos había dúas ausencias entre os 21 concelleiros, así que no reconto deberían saír un total de 19 votos. Pero non. Había 20. Alguén decidira pulsar o botón doutro compañeiro, suplantando o seu sufraxio nunha votación oficial, algo que constitúe unha grave irregularidade.

O primeiro en advertir a situación foi o edil do BNG, Francisco Vilariño, que pedíu explicacións e, a partir de aí, empezou a coñecerse a realidade. O concelleiro Nardo Seijas decidira emitir o seu propio voto pero tamén o do edil José Cuñarro, que nese momento non estaba no salón de plenos.

A situación atribuíuse polo Goberno a un erro. Nardo Seijas pedíu desculpas dicindo que o fixera de maneira “inconsciente” e o alcalde decidíu repetir a votación, sen que o secretario fixese nin unha soa mención a todo o sucedido.

En calquera caso, unha ollada as imaxes do Pleno deixa claro que non foi un acto tan “inconsciente” nin moito menos. En primeiro lugar, porque é a concelleira Begoña Blanco a que lle indica a Nardo Seijas que vote por José Cuñarro. E, en segundo lugar, porque o alcalde parece estar vendo todo o que acontece. De feito, a situación prodúcese cando Crespo está preguntando por que non votou aínda José Cuñarro e o alcalde acaba asentindo coa cabeza e dicindo “aí” cando se produce a manobra de Nardo Seijas e aparece o voto a favor na pantalla.

Despois disto, Crespo chega a asegurar que o punto se aprobou por unanimidade e nun primeiro momento defende que Cuñarro votou a favor. Só cando Seijas admite que votou en lugar de Cuñarro, o alcalde cambia de actitude: reprende ao seu edil e atribúe todo a un erro inconsciente.

Dende a oposición, todos os grupos esixiron desculpas e todos afirman que van apoiar a proposta do BNG para que o secretario faga un informe sobre o sucedido.

Pero unha imaxe vale máis que mil palabras. A secuencia completa, con moviola incluída, no seguinte vídeo:

Novas relacionadas