Taboada carga contra a Xunta pola falta de investimentos en Vila de Cruces

O alcalde de Vila de Cruces di que a Xunta inviste en Rodeiro 869 euros por habitante, en Dozón 1.300 euros e en Lalín 1.100 euros por habitante, mentres que o seu municipio só recibe 77 euros por habitante. "Os números dino todo", comenta.
Redacción
marzo 26, 2022

O alcalde de Vila de Cruces, Luís Taboada, realizou un estudo comparativo dos investimentos previstos da Xunta de Galicia para Vila de Cruces no ano 2022 e os datos “son esmagadores”.

Luís Taboada quere que todos os veciños e veciñas de Vila de Cruces coñezan “o desprezo” con que a Xunta de Galicia esta tratando a este municipio. En reiteradas ocasións Taboada solicitou á Xunta de Galicia a realización de investimentos para as necesidades mais urxentes do municipio sen que se dese resposta a ningunha delas.

Entre estas solicitudes atópanse a mellora da capa de rodadura desde Ponte Ledesma ata Piloño, unha vía de titularidade autonómica que se atopa “nun estado lamentable”. Para iso Taboada reuniuse con Ethel Vázquez, responsable da consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pero non tivo contestación.

Tamén solicitou nesa mesma reunión a realización dunha senda peonil na parroquia de Piloño, xustamente desde a panadería de Remigio e chegando á zona de bares e restaurantes. Trátase dun lugar moi transitado e concorrido, cunha gran afluencia de persoas que teñen que realizar este traxecto pola estrada autonómica co risco que iso conleva. O mesmo sucede en Carbia, no Lugar da Pena, onde “nin sequera existe unha senda para poder ir á farmacia”, ou en Abealla, na parroquia de Carbia e no lugar de Sabrexo, “que tamén serían moi necesarias”.

Pero polo visto, “é a forma que ten de actuar a Xunta con Vila de Cruces”.

Taboada tamén se reuniu co Secretario Xeral de deportes (José Ramón Lete Lasa), para que realizase un investimento, axudando a reformar o pavillón e a ampliación da maquinaria do ximnasio, “sen ter contestación despois dun ano de boas palabras, pero de ningún xesto”.

Mireya Otero tamén sufriu “o desprezo da Xunta de Galicia”, ao tentar en varias ocasións que César Pérez Ares, o responsable de ensino en Pontevedra, lle concedese unha reunión para trasladarlle as grandes necesidades que teñen os centros educativos de Vila de Cruces, e nin sequera contestou á misiva. É máis, na época de covid quíxose instalar unha carpa no colexio para que os nenos non se mollasen nas longas colas para entrar ás súas clases, e rotundamente negáronlle o permiso, non permitindo que se puxese, cando un concello veciño instalouna sen ningún problema.

Como informa Taboada, “os datos son públicos e notorios eunha autentica vergoña, que non sabe como poderán explicar desde a Xunta de Galicia”.

Di o alcalde que “eles mesmos xáctanse dos investimentos que están a facer na comarca, de onde podemos saber que en Lalín invístense desde a Xunta máis de 22 millóns de euros para este 2022 con 20.000 habitantes sae aproximadamente un investimento de 1.100 euros por habitante, en Dozón non quedan curtos cun investimento de máis de 1,3 millóns con pouco máis de 1.000 habitantes o que dá un resultado de 1.300 euros por habitante, pero se vemos os investimentos que se realizan en Rodeiro, de onde era alcalde o actual delegado da Xunta de Galicia, atopámonos con investimentos por valor de 2 millóns de euros con 2.300 habitantes que dá un total de 869 euros por habitante aproximadamente”.

En cambio, en Vila de Cruces os investimentos previstos son soamente 300.000 euros para o mosteiro de San Salvador de Camanzo e 85.000 euros para unha das estradas do polígono, “desatendendo todas as demais peticións realizadas”. E o peor de todo é que “se calculamos que os investimentos son de 385.000 euros e son máis de 5.000 habitantes sae un investimento de 77 euros por habitante, algo ridículo para un concello con 28 parroquias e unha ampla extensión que cubrir, sobre todo cando, se nos tratasen como aos nosos veciños, teríannos que adxudicar máis de 5.000.000 de euros”.

Aínda por riba, os investimentos “máis fortes” da Xunta son para o mosteiro con 300.000 euros, que, aínda que son “moi ben recibidos” polo alcalde Taboada, tamén cre que “hai outras prioridades que se están estancando e esquecendo, incluso perigando a integridade física de veciños e veciñas”.

Aínda que nos últimos días “a oposición do PP está en sintonía co goberno de Xuntos para cubrir as necesidades que ten o concello na realización de certas obras que Taboada ve prioritarias e urxentes”, o rexedor non comprende como pode ser posible que o señor Otero que “sempre dixo nos plenos que é un peso pesado do PP, non sexa capaz de intervir para que os seus veciños e veciñas teñan a mesma cantidade de investimento que a Xunta de Galicia está entregando aos concellos lindeiros”. Así, anima a Otero a que “continue neste bo camiño de cooperación co goberno e que se enfronte á Xunta para pedir o que é xusto e de lei, e que non sigan desprezando a todos os nosos cidadáns”.

Taboada remata dicindo que “a estratexia da Xunta non é a correcta e os veciños e veciñas terano en conta”. É máis, afirman que Taboada “demostrou coa súa xestión que hai outra forma de traballar, e pídelle á Xunta que tome exemplo da Deputación de Pontevedra, que tendo un goberno do PSOE e BNG investiron nunha soa obra en Vila de Cruces como é a C/Vázquez máis do dobre que a Xunta de Galicia”.

Novas relacionadas