Silleda inicia as obras de mellora na escola infantil A Galiña Azul

Renovarase o caucho do patio interior do centro, e actuarase tamén para previr humidades e renovar biombos, entre outros.
Redacción
enero 19, 2022

Iniciaronse os traballos de reforma e mellora da Escola Infantil A Galiña Azul de Silleda. A empresa adxudicataria das obras, cun investimento de 23.000 euros, comezou as obras para renovar toda a área de caucho do patio interior.

Tamén se levarán a cabo traballos para impermeabilizar as cubertas na zona de aulas de 2-3 anos, e se substituirán os biombos existentes entre as aulas por tabiques lixeiros, con aillamento exterior acústico e porta de paso corredeira.

Ademais de repoñer todo o caucho do patio, tamén se colocará nesta zona de xogos unha baranda de separación.

As obras, adxudicadas polo Concello de Silleda, supoñen un investimento de 23.000 euros nestas reformas necesarias e agardadas pola comunidade educativa da Escola Infantil, en colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Unha vez que o Concello abone esta cantidade á firma adxudicataria, o Consorcio compensará o investimento con cargo ás liquidacións que abona anualmente a entidade local ao Consorcio ( o Concello abona máis de 70.000 euros anuais polo servizo da escola infantil).

Tamén está previsto nunha segunda fase realizar outras melloras no interior das aulas que previsiblemente se acometerán durante o verán aproveitando cando o centro esté pechado para non interferir na súa actividade.

A concelleira de Educación de Silleda, Ángela Troitiño destaca que con esta actuación se virán a cubrir as necesidades estructurais de matemento que viña acusando a escola, que abriu as súas portas en Silleda no ano 2010, e na que o Concello de Silleda xa se vén encargando de outras actuacións de mantemento (pintado, arranxos varios….).

Novas relacionadas