Santalla considera un desprezo ás mulleres vítimas de violencia machista a proposta do goberno de facerlles unha estatua no cemiterio

Entende que “os lalinenses non van ir de paseo ao cemiterio”.
Daniel Santalla
marzo 11, 2022

O voceiro municipal do PSdeG-PSOE, Román Santalla ofreceu unha entrevista onte en Radio Lalín na que abordou diferentes temas de actualidade municipal. Entre eles, referiuse ao proxecto do goberno do PP para ampliar o cemiterio da Romea que pasará a chamarse Fraga do Alén, expresando as diferenzas e o desacordo dos socialistas con este “macroinvestimento de Crespo” que financia a Deputación a través do plan ReacPont. Santalla explicou que xa estaba previsto executar a ampliación da instalación por parte do anterior goberno cun ambicioso proxecto duns 800 mil euros que permitiría construír uns 3.000 nichos e dar resposta así ás actuais necesidades sen despilfarrar fondos que poderían ir destinados a cubrir outras cuestións importantes.

“Fronte a isto”, subliñou “Crespo propón un proxecto megalómano de máis de 2 millóns de euros”. “Se o alcalde pensa que a xente de Lalín vai ir pasear polo cemiterio, está moi equivocado”, sinalou, “a xente quere pasear polos arredores de Lalín, por zonas como o cinto verde que nós impulsamos e polos espazos peonís que se deberían pór en marcha no centro da vila, pero non por un cemiterio onde se vai gardar recordo aos nosos seres queridos”. “Moito menos entende a xente que o alcalde queira facer na Romea unha estatua ás mulleres maltratadas. Isto non nos parece unha homenaxe, senón un macabro desprezo a esas mulleres. Se quere facer unha estatua en homenaxe ás mulleres que sofren violencia machista, que ben a merecen, que a poña a estatua nun lugar destacado no centro da vila, pero xamais nun cemiterio. Parece unha broma de mal gusto e parécenos unha aberración o simple feito de que a Crespo se lle pase pola cabeza esta ocorrencia”. “Para a enorme maioría dos lalinense isto é unha auténtica barbaridade”, subliñou.

Santalla tamén criticou a idea de construír un auditorio no cemiterio “cando temos os que hai infrautilizados”. “Isto parece que se fai só para gastar os cartos, pero non entendemos que beneficio pode sacar a veciñanza de todo isto”. Unha cuestión é ampliar o cemiterio, que é moi necesario, cun proxecto que contemple a construción dos nichos suficientes e doutros servizos para a xente, pero non hai que tirar os cartos nestas cuestións totalmente innecesarias”. 

Ao mesmo tempo, Román Santalla reprochoulle ao alcalde que “moito proxectar obras faraónicas, mentres a día de hoxe os veciños non teñen nin luz nin auga no camposanto e tampouco hai ningún servizo de mantemento e conservación do espazo”. “O noso absoluto reproche neste tema, que nos parece un verdadeiro insulto á cidadanía de Lalín”. Santalla tamén recordou que a pesar dos millóns de euros do proxecto o novo cemiterio non contará con servizos básicos como unha incineradora de restos ou con nichos destinados ás persoas desfavorecidas que non poden permitirse contar cun panteón propio.

Novas relacionadas