Recuperando a memoria da Empanada

Amigos da Empanada lanza unha campaña para recuperar imaxes e vídeos das festas da vila desde o ano 1974.
Redacción
febrero 15, 2022

Tes fotos ou vídeos dalgunha das celebracións ou actos organizados arredor da Festa de Empanada?

Pois daquela tes a oportunidade de colaborar na recuperación da historia e da memoria visual ( e audiovisual) dunha Festa que se remonta ao ano 1974.

Malia tantos anos de celebración, a Asociación Amigos da Empanada de Bandeira lamenta “o escaso arquivo histórico existente”.

Por iso, e coa mirada posta no 50 aniversario, vénse de crear un grupo de traballo que terá como función principal recuperar e dixitalizar todas as imaxes e vídeos dende o ano 1974 ata hoxe.

Para logralo, Amigos da Empanada solicita a axuda da veciñanza, visitantes da festa, medios de comunicación, fotógrafos profesionais e afeccionados ou calquera persoa que poida ter imaxes ou vídeos da Festa da Empanada, o Esmorga Folk, Bandeirock, así como de calquera outra actividade enmarcada nas festas de Bandeira.

Andrés Seoane, presidente da asociación, agradece de antemán a colaboración e pon a disposición das persoas que desexen colaborar o seguinte mail: empanadabandeira@gmail.com.

UN POUCO DE HISTORIA

Corría o ano 1974 cando un grupo de amigos e amigas da vila de Bandeira decidiron levar unhas empanadas a unha carballeira e desfrutar dunha tarde amigable coincidindo coas festas patronais. A idea gustou, e en 1975 tivo lugar a I Edición da Festa da Empanada e do seu prestixioso concurso que premia as creacións máis sabedeiras.

Co paso dos anos a cita gastronómica converteuse nun evento de gran sona. Proba diso, como se pode ver nas imaxes, foi a celebración do primeiro pregón no ano 1987 a cargo do escritor Camilo José Cela ou a declaración de Festa de Interese Turístico Galego no ano 1999.

A Festa da Empanada pasou a congregar na súa cea de “peñas” a preto de 8.000 persoas chegadas de numerosos puntos da xeografía e conta con variadas actividades gastronómicas, culturais e festivas entre as que destacan o Festival Esmorga Folk dende o ano 1989 e o Festival Bandeirock dende o 2002.

Novas relacionadas