“Pegatas” na honra a Manolito, o orgullo da clase traballadora

A iniciativa busca darlle a Manolito o recoñecemento social que merece
Daniel Santalla
octubre 2, 2021

Se un día vos atopades pola rúa cunha faciana tan familiar e singular como a de Manolo Sánchez Ledo convertida en icono e estampada nun sinal ou nun farol, sabede que foi cousa de Anxo Álvarez, veciño de Lalín que entre moitas outras facetas desempeña a de deseñador gráfico.

E foi da súa “admiración” cara Manolito de onde partiu a idea de crear estes adhesivos de aire “tifossi” cos que honrar de maneira permanente nas rúas a quen é “o orgullo da clase traballadora, un tipo de xente da que a sociedade se adoita esquecer moi rápido”.

” Coñecín a Manolito desde que nacín e desde pequeno me pareceu unha persoa exemplar: traballador, desinteresado e boa xente, cualidades que non abondan”, explica Álvarez.

Ao mesmo tempo, a iniciativa busca darlle a Manolito o recoñecemento social que merece. Porque como di o propio Anxo “dedicou toda a súa vida a coidar o que é de todos.

Non saía no xornal pero facía de Lalín un lugar mellor”.

Ademais de “pegatas” tamén hai ilustracións e fondos de pantalla. Se alguén quere unha mostra deste material non ten máis que solicitarllo a Anxo, que as agasalla namentres haxa existencias.

Manolito faleceu no mes de xullo aos 49 anos. Levaba lustros coidando dos xardíns municipais.

Manolo Sánchez Ledo, sempre presente!!

Novas relacionadas