Oito vivendas de Lalín recibiron axudas da Xunta para a súa renovación estética o ano pasado

O municipio foi un dos que máis subvencións recibiu na liña de subvencións da Xunta para obras de corrección de impactos paisaxísticos ou mala conservación.
Redacción
enero 18, 2022

Un total de oito vivendas particulares de Lalín recibiron durante o ano pasado axudas da Xunta para executar actuacións que permitan corrixir os impactos paisaxísticos causados polo paso do tempo ou unha mala conservación en vivendas, edificios e equipamentos públicos municipais.

Así o explicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que visitou unha das casas particulares do municipio que se beneficiaron desta liña de subvencións. De feito, segundo informa o goberno galego nun comunicado, o concello dezao foi un dos que máis subvencións recibiu en 2021 para obras de corrección de impactos paisaxísticos.

Neste sentido, e tras lembrar que o seu departamento apostou o ano pasado de forma pioneira por estas axudas, Ángeles Vázquez anunciou que mañá sairán convocadas no DOG dúas novas resolucións por un importe de 1,6 millóns de euros, aínda que esta dotación inicial será ampliada ata chegar aos 2 millóns de euros —1,2 millóns de euros para os particulares e 800.000 euros para os concellos—. Os particulares que se acollan ao programa terán acceso a un máximo de 3.000 euros, mentres para as entidades locais a subvención poderá chegar ata os 40.000 euros.

En canto á presentación das solicitudes, o prazo abrirá este xoves, 20 de xaneiro, e rematará o vindeiro 19 de febreiro, no caso das axudas dirixidas a particulares, e o 28 de febreiro no caso dos concellos de menos de 20.000 habitantes.

En vista do “éxito da primeira convocatoria”, a conselleira explicou que a Xunta decidiu, no marco da súa “aposta polo fermosismo”, brindar de novo apoio económico a aqueles cidadáns e concellos dispostos a executar actuacións de renovación, mellora e acondicionamento sobre edificacións da súa titularidade co fin de lograr unha repercusión positiva sobre a contorna, demostrando así o seu compromiso co coidado e a protección paisaxística.

Cómpre lembrar que o balance das dúas primeiras ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos foi de máis de medio milleiro beneficiarios —445 familias e 66 concellos— que recibiron axudas por un importe total de 2 millóns de euros e permitiron intervir nun total de 222 municipios galegos. Ademais, tendo en conta que a achega da Xunta cubre o 70% da actuación, estímase que grazas a estas subvencións o ano pasado se mobilizou en Galicia un investimento total de 2,9 millóns de euros.

A conselleira indicou que a convocatoria de 2022 será moi similar á anterior aínda que se introducen algunhas melloras, como a simplificación dos trámites, a redución da documentación a presentar por parte dos solicitantes ou algunhas especificacións e novidades técnicas incorporadas co fin de ampliar o abano das actuacións subvencionables.

Ademais, adiántase a publicación de ambas axudas ao mes de xaneiro, co obxectivo, segundo explicou, de que tanto os particulares como as administracións locais interesadas poidan dispoñer de máis tempo para executar e xustificar as actuacións obxecto da axuda.

Actuacións subvencionables e tipos de edificacións

Entre as actuacións subvencionables inclúense, no caso dos propietarios particulares, obras de revestimento e pintura de fachadas sen rematar, renovación dos acabados e remates exteriores de edificacións e vivendas —tamén das cubertas—, acondicionamento de peches de fincas e muros de cerramento ou substitución de celosías.

En canto ás subvencións para concellos de menos de 20.000 habitantes, poderán pedir ata dúas axudas, unha por cada liña: a Liña I, dirixida a actuar sobre o exterior de edificios ou dependencias de tipo sanitario, educativo, cultural ou administrativo-institucional; e a Liña II, pensada para recuperar equipamentos e elementos de uso público —fontes, palcos de música, lavadoiros e hórreos— que debido ao desuso ou a unha deficiente conservación teñan un impacto indesexable sobre a súa contorna.

Novas relacionadas

O PSOE cifra en 2,5 millóns as axudas directas do goberno central para o sector lácteo en Lalín

O PSOE cifra en 2,5 millóns as axudas directas do goberno central para o sector lácteo en Lalín

Alba Forno cualificou como “histórica para o sector” esta liña de apoio e subliñou a aposta decidida do goberno de Pedro Sánchez para articular respostas coas que facer fronte ao actual escenario de crise na agricultura e a gandaría. Fronte a isto, a secretaria xeral dos socialistas lalinenses denuncia “a parálise da Xunta” e lembra que “a día de hoxe non hai publicada no DOG ningunha medida a favor dos gandeiros”.