O Sindicato Labrego Galego presentou hoxe mocións en todos os concellos da comarca do Deza-Tabeirós para demandar “a súa implicación activando medidas de apoio ao sector leiteiro galego, e sumando forzas canda o sector produtor no traslado das súas reivindicacións á Consellaría do Medio Rural.”
Esta acción forma parte da campaña iniciada no pasado mes de novembro, trasladada xa aos concellos de Arzúa e Chantada, e que terá continuidade en tódolos municipios do país onde a produción láctea é representativa e moi importante desde un punto de vista económico.
En primeiro termo hoxe procedeuse a trasladar a moción ao Concello de Lalín -un dos dez concellos que producen non seu conxunto o 30% do leite da Galiza, con case mil persoas afiliadas á Seguridade Social agraria-a través do rexistro administrativo presencial, comprometéndose os concelleiros presentes a levalo a pleno. O resto de concellos da comarca completaranse ao longo da xornadaa través do rexistro electrónico.
O Estado español atópase entre os dez que abarcan o 86% do total de entregas de toda a Unión Europea, e Galiza é a maior produtora de leite do Estado, cun 39,1 % do total das mesmas, moi lonxe da súa inmediata seguidora, Castela e León, cun 12,5%.
Sen embargo, a Consellaría do Medio Rural leva máis de dez anos inhibíndose das súas responsabilidades no tocante ao apoio ao sector leiteiro –e aos sectores primarios en xeral-, instrumentalizando o Goberno da Xunta de Galicia para acelerar a destrución das granxas familiares que tradicionalmente teñen vertebrado o noso país, deixando o campo libre á instalación agroindustrial e a unha articulación territorial salvaxemente capitalista, que expulsa ás persoas que viven no rural despoboando territorios que logo son acaparados para o espolio enerxético, mineiro, etc.
Fronte a este desleixo estratéxico da Xunta de Galicia, pedimos a implicación da corporación municipal do Concello de Lalín e dos restantes concellos da comarca do Deza-Tabeirós para que asuman as demandas que o SLG formula na moción, e para que insten ao Presidente da Xunta a tomar a iniciativa no paquete de medidas que propoñemos:
- A convocatoria urxente da Mesa do Leite e con carácter permanente. A Consellaría do Medio Rural ten a obriga de facer cumprir a Lei da Cadea Alimentaria, polo que ten que tentar tódalas vías posibles para recuperar unhas condicións que garantan a viabilidade de toda as granxas galegas.
- Que o Ministerio recolla a obrigatoriedade de crear índices de referencia vinculantes para impedir prezos e condicións abusivas.
- Que a Consellería sexa a encargada da realización e actualización deses índices de referencia obxectivos e representativos da realidade das granxas galegas.
- Que se estableza un sistema de mediación que impida os abusos sobre a parte produtora e que garanta que os contratos non sexan de adhesión. Dito sistema de mediación será en Galiza . Tendo a maior rexión produtora do estado, non é normal ter que acudir a cortes de arbitraxe ou sistemas de mediación en Madrid.
- Que ningún operador lácteo, sexa industria ou primeiro comprador, poida operar se non ten aval suficiente para o pago do leite, ou se teñen detectado faltas de pagamento con anterioridade. O falta de pagamento do leite non pode ser un mecanismo de financiamento de industrias en crise ou mal xestionadas. As granxas non son entidades financeiras.
- Establecer unha liña de traballo urxente coas Administracións para reducir os custos de produción. Impedirase a especulación coas materias primas, acabarase coas tarifas eléctricas que penalizan á produción de alimentos, axudas a programas de desintensificación.
- Compromiso por parte do Concello de non mercar leite de empresas que estean a pagar prezos inxustos aos gandeiros e ás gandeiras galegas, decantándose por marcas galegas que merquen e procesen o leite na Galiza. E , se fora posible, consumo de leite e queixo producido e transformado na comarca.
Dende o SLG denunciamos unha vez máis que a política de brazos cruzados da Administración galega -non fai estudos de custos propios, non convoca a mesa do leite con todas as partes, pretende limitar o Observatorio Lácteo Galego a unha única reunión anual, etc.- e estatal -non habilitando medidas e, ademais, negociando unha PAC 2023 discriminatoria para Galiza-, está a empurrar á quebra ás pequenas e medianas explotacións galegas, empobrecendo o noso país e poñendo en risco o acceso á alimentación por parte da poboación, ao estaren dinamitando a estrutura produtiva de proximidade.