O PSOE sinala a Crespo como “o responsable das neglixencias na área de Deportes”

Os socialistas esíxenlle a José Crespo que tome medidas ante unha xestión nefasta de Avelino Souto, “porque os Clubs non poden verse repercutidos e padecer as consecuencias da ineptitude do concelleiro”.
Redacción
febrero 15, 2023

O PSdeG-PSOE de Lalín esixe, unha vez máis, que o concelleiro de Deportes tome responsabilidades ante a mala xestión na organización dos espazos deportivos.

“O concelleiro Avelino Souto está levando a situación a un extremo insostible e causando numerosos problemas aos Clubs, pero parece que está abalado por José Crespo, quen tamén é responsable desta situación”, asevera o concelleiro socialista Mario López.

Xa son varios os Clubs que protestaron por chegar ás instalacións e telas ocupadas por outro Club ou outra actividade, sen previo aviso.

Como reflexo, hai unhas semanas, os socialistas manifestaron o caos que se produciu pola celebración da Gala do Cocido no Lalín Arena, posto que dende a Área de Deportes avisaron tarde aos Clubs que empregan este espazo e algúns deles a día de hoxe seguen sen resposta de onde poderían adestrar durante o período que estivo ocupado.

Así mesmo, comunicáronlle unhas datas de ocupación que logo non se cumpriron, posto que antes do indicado, os Clubs xa non podían empregar as instalacións.

Esta situación provocou que chegasen grupos a adestrar ao Lalín Arena, aos seus espazos habituais, e logo tivesen que marchar para outras áreas.

“As faltas de respecto de Avelino Souto e do Alcalde cara aos Clubs de Lalín son continuadas, pero non pode ser que nin sequera se digne a dar a cara e darlles unha reposta. Algúns dos Clubs tiveron que buscarse a vida por si mesmos para poder darlle continuidade aos seus adestramentos diarios, posto que non poden paralizalos en períodos de competicións”, expón o concelleiro.

Recentemente outro Club puxo en manifesto o seu malestar pola ocupación do pavillón durante as últimas semanas, “que cederon por colaborar con outros equipos, pero teñen dereito a contar cun espazo para seguir coa súa actividade diaria. É lamentable que sexan os propios Clubs os que se teñan que organizar entre eles, un traballo que é de Souto, pero a súa nefasta xestión leva a unha situación de caos na área deportiva”, asegura López.

Outra mostra do “descaro” deste concelleiro son “os desplantes continuados que sofren as agrupacións deportivas”.

Cando solicitan unha reunión co concelleiro, encaixan as súas axendas coa del e se presentan para tal fin, “non o fan porque queiran saudalo, senón porque precisan da súa aprobación para levar algo a cabo”, indica López e engade que “é incrible que, de xeito reiterado o concelleiro nin se presentase nin lle respondese as chamadas dándolle unha explicación da súa ausencia”. Ademais, indica que tampouco lles da resposta vía teléfono ou outro medio para poder levar as xestións a cabo. “Así durante períodos longos, co retardo que provoca para que un Club poida organizar un evento ou calquera actividade, que sempre son un atractivo para a vila e un xeito de potenciar o noso deporte”, resalta.

Por outra banda, os socialistas xa advertiron da mala organización na distribución das áreas para a práctica do deporte, que en ocasións provocou que dous Clubs coincidisen nun mesmo espazo para levar a cabo os seus adestramentos.

“Esta situación leva a un malestar entre Clubs. Souto e Crespo non saben o que é xestionar un Club ou un adestramento, con máis de 30 rapaces/as e ter que desprazalos a outra área, provocando que os Clubs sexan os que dean a cara ante as familias”.

Os socialistas móstranse “cansos ante a ineptitude de Avelino Souto e sinalan a Crespo como o responsable de todo o caos que se está a causar”.

“O concelleiro de Deportes e o Alcalde non poden mirar cara outro lado mentres os Clubs deportivos están sufrindo un caos pola mala organización dos espazos deportivos”, conclúe López.

Novas relacionadas