O PSOE reivindicará no Parlamento unha ambulancia máis para Lalín e melloras na atención sanitaria para a comarca

O deputado socialista Julio Torrado di que as actuais carencias en materia de transporte sanitario na comarca son “sangrantes”.
Redacción
octubre 10, 2021

O voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, anunciou que o PSdeG levará ao Parlamento galego unha serie de iniciativas para reclamar melloras na atención sanitaria na comarca do Deza.

De maneira especial, Torrado incidiu na necesidade de incrementar a dotación de ambulancias para Lalín.

O deputado socialista indicou que as actuais carencias en materia de transporte sanitario na comarca son “sangrantes”. Lembrou que o transporte sanitario hai que reforzalo onde a poboación está máis dispersa e extendida, onde está máis envellecida, ou onde os territorios teñen maior extensión e están máis lonxe dos hospitais. “A comarca do Deza cumpre todas esas características”, subliñou Torrado, e por iso “non ten sentido que Lalín siga tendo que demandar unha ambulancia que baixo calquera criterio sanitario existente xa tiña que ter”.

Indicou tamén que a situación de Lalín neste asunto é o claro exemplo de por que se ten que cambiar o sistema de xestión das ambulancias no conxunto de Galicia. “A regulación do transporte sanitario”, remarcou, “non pode quedar a expensas da rendibilidade das empresas”. Por iso, o PSdeG tamén presentará iniciativas no Parlamento para esixirlle á Xunta que cambie o actual modelo concesional por un de xestión pública.

Ademais, lamentou que tanto Feijoo como Crespo “prometan moi ben pero cumpran moi mal”. Neste contexto advertiulle ao PP de que a ambulancia vai acabar chegando a Lalín e que ten que decidir se será “grazas a eles, en colaboración con eles ou a pesar deles”.

Pola súa banda, o voceiro municipal socialista, Román Santalla, anunciou que “imos seguir con este tema porque é unha necesidade acuciante para Lalín e a comarca”.

Explicou que as ambulancias tardan de media entre 30 e 40 minutos en atender emerxencias, “o que é insoportable e non pode ser nunha sociedade na que a sanidade debe ser o primeiro”. “Non podemos seguir así”, sinalou. Lalín, dixo, “precisa unha ambulancia medicaliza”, pero “mentres non chega” precísase cando menos unha de soporte vital básico.

Novas relacionadas