O PSOE pídelle responsabilidades a Crespo e a Lamas ante “o fracaso e o enorme rexeitamento social” do Cocido en Miami

O Partido Socialista asegura que a presenza exclusiva de homes supón un menosprezo directo á enorme valía que demostran no ámbito empresarial as mulleres lalinenses e evidencia que o PP vive ancorado en tempos pretéritos.
Redacción
marzo 25, 2022

Excusatio non petita, acusatio manifesta”. Cando Crespo e Lamas se ven na obriga de saír co peito inchado a dar explicacións sobre unha iniciativa, no canto de saír previamente a informar sobre a mesma con rigorosidade e transparencia, o que están demostrando é, precisamente, o fracaso rotundo da propia iniciativa. O Grupo Municipal Socialista de Lalín sinala que a pataleta dos dous “ofendidos” para xustificar o Cocido en Miami, incluindo para elo ataques persoais, constitúe a evidencia máis clara do descalabro, o escándalo e a nula aceptación que tivo entre a cidadanía este esperpéntico capítulo do tándem PP-AED do que se reclaman responsabilidades.

O PSOE pídelle aos dous líderes do “escuadrón Miami” que baixen á rúa para escoitar o rexeitamento total dos seus veciños e veciñas -incluso de simpatizantes do PP- a un episodio casposo, ridículo e absolutamente inoportuno ante a situación de enorme dificultade e incertidume que está a vivir a sociedade. A realidade é que Crespo, Lamas e algúns amigos como Ramiro Ruibal estaban de papatoria xunto con 350 persoas en Florida a conta do diñeiro público mentres aquí a xente o está a pasar mal, explica o PSOE. As fotos de pracer e diversión que circulan polas redes sociais falan por si soas e provocan o enfado e a indignación dos lalinenses, que xa non comulgan con este modelo rancio de suposto impulso internacional do Cocido.

Os socialistas insisten na falta de transparencia que en todo momento rodeou un evento que se ocultou a nivel público tanto nas redes sociais do alcalde, como nas municipais e nas da propia AED a sabendas do impacto negativo que ía supoñer a súa difusión. “¿A que vén unha discreción tan sospeitosa se o que se pretendía era darlle unha dimensión internacional ao Cocido?”, preguntan.

Así, volven dubidar sobre os criterios seguidos polo Concello para convidar a uns empresarios en concreto e non a outros, ao tempo que lle preguntan ao alcalde se considera que en Lalín non hai ningunha empresaria que merecese participar, pois a presenza exclusiva de homes supón un menosprezo directo á enorme valía que demostran no ámbito empresarial as mulleres lalinenses e evidencia que o PP vive ancorado en tempos pasados.

Os socialistas denuncian, por outro lado, a desfachatez dun Antonio Lamas que leva anos centrado abertamente en facer política e fala das supostas subvencións que reciben outros, mentres a AED é a entidade privada lalinense máis subvencionada. Lamas debe explicar detalladamente se algún organismo público pagou as súas vacacións en Miami e aclarar por que prefire atacar o labor lexítimo da oposición antes de centrarse, por exemplo, en apoiar aos sectores que peor o están pasando, en captar fondos europeos do Plan de Recuperación ou en informar aos empresarios sobre a oportunidade que para Lalín supoñen os Next Generation como fixo hai uns días o Partido Socialista.

O PSOE reclama que se ofreza toda a información cualitativa e cuantitativa sobre o impacto en produción, emprego e proxectos para Lalín que tivo esta viaxe para comprobar así se o que se gastou lle compensa á veciñanza.

Polo momento, un dos gastos a conta dos lalinenses que xa trascendeu foi o do desprazamento, aloxamento e manutención do secretario de prensa municipal na súa estancia en Miami do 16 ao 22 de marzo. É o primeiro de moitos máis, sexan a sufragados polo Concello ou polo GDR de Ramiro Ruibal de quen consta que se derivou unha parte importante dos fondos que custearon a viaxe.

Ante esta situación o PSOE seguirá traballando para fiscalizar ata o último céntimo que se destinou ao Cocido en Miami, máis cando existen precedentes como o de Depodeza, un programa no que o PP gastou miles de euros en “saraos” para amigos.

Finalmente, o PSOE recórdalle a Crespo que o modelo de promoción do anterior goberno que tanto critica, devolvéndolle o protagonismo do Cocido á xente, permitiu que o festexo gastronómico acadase os seus anos de maior éxito, cuestión que confirmaron en numerosas ocasións os propios hosteleiros.

Novas relacionadas

O PSOE cifra en 2,5 millóns as axudas directas do goberno central para o sector lácteo en Lalín

O PSOE cifra en 2,5 millóns as axudas directas do goberno central para o sector lácteo en Lalín

Alba Forno cualificou como “histórica para o sector” esta liña de apoio e subliñou a aposta decidida do goberno de Pedro Sánchez para articular respostas coas que facer fronte ao actual escenario de crise na agricultura e a gandaría. Fronte a isto, a secretaria xeral dos socialistas lalinenses denuncia “a parálise da Xunta” e lembra que “a día de hoxe non hai publicada no DOG ningunha medida a favor dos gandeiros”.