O PSOE pide máis transparencia no Concello de Lalín

Din que a cidadanía carece de acceso a toda a información que se xestiona dende o consistorio, coma os soldos dos concelleiros ou as XGL, vulnerando a Lei 19/2013, de 9 de decembro Esixen que se actualice o portal de transparencia.
Redacción
febrero 22, 2023

Como afirma a exposición de motivos da Lei 19/2013, de 9 de decembro, a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política. Ante isto, o PSdeG-PSOE de Lalín leva ao pleno do presente mes a solicitude para que dende o Concello haxa máis transparencia.

Coas novas tecnoloxías, facilitar información á cidadanía é cada vez máis sinxelo, rápido e eficaz, sempre que se faga un bo uso das mesmas. “Mais cabe destacar que a veciñanza de Lalín carece de acceso a toda a información que se xestiona dende o consistorio. Como exemplo, pódese destacar que dende hai máis de tres anos, a cidadanía non ten acceso ás XGL, un documento no que se recolle información de interese para toda a veciñanza, ou tampouco se fai público o soldo de cada concelleiro da corporación, que é diñeiro público”, expoñen.

Deste xeito, “vulnérase a Lei”, que esixe facer públicos temas coma os acordos adoptados, tanto coa súa publicación no boletín oficial como mediante o dereito a obter copias e certificacións acreditativas dos mesmos; os acordos referentes a retribucións dos cargos con dedicación exclusiva e parcial e réxime de dedicación destes últimos, indemnizacións e asistencias etc ou o número de persoal eventual e masa salarial do persoal laboral.

Por iso, web do concello (www.lalin.gal) debería contar con toda esta información de maneira clara e accesible.

Así mesmo, é preciso facilitar o acceso a novas coma subvencións, oposicións ou prazos de presentación, entre outras, de maneira clara e concisa, sen ter que rebuscar na páxina web. Por outra banda, o portal de transparencia (http://portaltransparencia.lalin.gal/web/) está totalmente desactualizado. Pódese ver como as asignacións económicas a cada partido político distan moito da realidade, “levando ao engano a todas as persoas que visiten esta web, ademais de contar cuns gráficos que nin son explicativos, nin contan a verdade”.

Tamén en relación ás novas tecnoloxías, as redes sociais das que dispón o Concello de Lalín deberían ser empregadas para un uso informativo da actualidade do propio Concello, “e non con fin propagandista do goberno en cuestión”. É dicir, a veciñanza debería ter neste medio as novidades que hai no concello, tanto de eventos como de outras cuestións vinculadas a trámites.

A falta de transparencia e democracia recae, así mesmo, no “retardo ao acceso a documentación ao que está sometida a oposición”. Os tres grupos que forman a oposición, así como a propia veciñanza, teñen dereito a fiscalizar as actuacións do actual goberno dun xeito democrático, posto que representan a miles de veciños/as, pero “dende o goberno limitan esta fiscalización permitindo accesos a información con máis de 3 meses de retardo dende que foron solicitados”.

Novas relacionadas