O PSOE de Lalín esixe explicacións á concelleira de Cultura sobre a exposición e agasallos no Día de Rosalía

Agasallaron ás persoas usuarias con marcapáxinas fotocopiados da marca Animosa, que os ten a venda, "sen escrúpulos nin ética". Pregúntanlle a edil de Cultura se as láminas expostas foron mercadas as súas autoras ou tamén foron impresas.
Redacción
febrero 24, 2023

O PSDEG-PSOE de Lalín denuncia “o plaxio” producido pola concellería de Cultura, comandada por Begoña Blanco, para conmemorar o Día de Rosalía de Castro, celebrado hoxe.

Anunciaron dende o Concello de Lalín unha exposición na Biblioteca Municipal que está composta de láminas, “pegadas a modo caseiro en cartulinas. Estas pezas teñen autoría e agardamos que dende a concellería as mercasen e non as imprimisen sen consentimento das súas autoras, que cobran polo seu traballo”, recalca Alba Forno, candidata á Alcaldía e concelleira.

Como exemplos, pódense ver a de Eva Casais, que dita autora ten a peza a venda na súa propia web, ou a de Esther Voltá, tamén a venda e exposta na Biblioteca.


Para “agravar este escándalo”, agasallaban ás persoas usuarias cun marcapáxinas “caseiro”, o cal estaba composto dunha imaxe de Rosalía de Castro e dunha pequena biografía en castelán. Este marcapáxinas é unha fotocopia dos que a marca Animosa, a cal non ten coñecemento de que empregasen o seu traballo, ten a venda na súa canle.

“É inmoral e unha falta de ética coller o traballo dunha empresa, fotocopialo e poñelo coma un agasallo. E, para máis inri, plastifican os marcapáxinas saltándose as bases de Animosa, que como ela mesma indica non empregan plástico para coidar o medioambiente”, resalta Forno e engade “que esixiremos explicacións sobre este feito e agardemos que lles dean unha resposta ás persoas afectadas”.


A todo isto, súmase que boa parte da exposición, incluído este agasallo, están en castelán. “Esixímoslle a Blanco que deixe de maltratar o galego, xa nos ten acostumados/as a un mal uso do mesmo e a numerosos castelanismos nas publicacións de cultura, pero debería ter un maior e mellor coidado da lingua”, resalta a candidata á Alcaldía.

Así mesmo, facer unha exposición desta autora galega e que tanto loitou pola lingua practicamente en castelán “case é unha falta de respecto. Un bo xeito de potenciar a lingua e facer estas mostras en galego”.


Dende a bancada socialista alertan que esta falta de moralidade por parte da concelleira de plaxiar e empregar material de diferentes empresas e autorías, “non se pode permitir. Tennos que dar explicacións sobre isto porque é un escándalo e esixirémosllas no pleno”.

Novas relacionadas