O PSOE de Lalín acusa ao PP de fracasar na xestión da Praza de Abastos

Forno indica que os postos que veñen de botar o peche "se senten totalmente abandonados polo goberno ante a falta de iniciativas".
Daniel Santalla
octubre 5, 2021

O PSdeG-PSOE de Lalín considera que “o “infragoberno” do PP suma un novo fracaso na súa xestión ao deixar a Praza de Abastos baixo mínimos debido ao peche de dous negocios nas últimas semanas”. “Quen utilizou durante os anos de oposición a Praza como arma de ataque ao anterior goberno, abandona agora esta instalación e déixaa esmorecer sen tomar ningún tipo de medida”, explica a concelleira, Alba Forno.

Os socialistas recordan que o Partido Popular reclamaba na oposición de maneira recorrente plans de dinamización, reformas e ocupacións de postos, pero de novo “Crespo móstrase totalmente incapaz de reactivar un mercado que debería ser un punto de referencia do comercio de proximidade e dos produtos de calidade”.

Os socialistas explican que tras o peche de dous negocios actualmente na Praza só quedan dúas carnicerías, unha peixería e un posto de froitas.

Ademais, ao último proceso para adxudicar postos no mercado non se presentou ningunha propostas o que demostra a descalabro absoluto de Crespo e da concelleira de Comercio, Karen Fernández, na xestión da Praza.

Forno indica que os postos que veñen de botar o peche “se senten totalmente abandonados polo goberno ante a falta de iniciativas”. “O goberno non lle dá reposta ás demandas dos praceiros e desatende sistematicamente as súas solicitudes”. “Crespo enganounos e utilizounos politicamente cando era oposición e agora deixa esmorecer irremediablemente a Praza”, indica.

Na súa estratexia de desgaste ao anterior goberno “o PP chegara a unir as súas forzas ás dun tránsfuga para tumbar unha reforma que finalmente foi histórica e que se acabou materializando por presión social e do colectivo de praceiros”. Nesta liña, o PSOE recorda que o PP “pedía insistentemente o arranxo da parte baixa da Praza, unha cuestión da que agora se esquece”.

Así, os socialistas reclaman que as obras que se están a realizar nas instalacións se axilicen, pois levan varias semanas de atraso e isto amais de provocar incomodidades nos comerciantes desincentiva a chegada de clientes. Tamén reclaman medidas reais de impulso e políticas activas de fomento da praza de abastos para evitar a “morte definitiva” do que debería ser un punto neurálxico para o comercio de proximidade.

Novas relacionadas