A secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, puxo hoxe en valor “a enorme incidencia que as axudas directas ao sector lácteo do Plan Nacional de resposta ante a guerra posto en marcha polo Goberno de Pedro Sánchez vai ter en Lalín”.
Alba Forno situou a Lalín como un dos municipios máis beneficiados de Galicia e de toda España por este ambicioso programa e cifrou “nuns 2,5 millóns de euros a inxección directa que a liña de achegas deixará nos produtores lácteos do noso concello”.
Forno sinalou que en Lalín hai -segundo o Instituto Galego de Estatística- 12.355 vacas produtoras de leite e que o tamaño medio das explotacións lácteas lalinenses é duns 36 animais, de modo que a maior parte delas accederán a axudas directas de 210 euros por vaca, que son as que lle corresponden a granxas de ata un máximo de 40 reses. Os gandeiros que teñan entre 41 e 180 cabezas obterán 145 por vaca, mentres que aquelas granxas que teñan unha cabana superior ás 180 vacas optarán a 100 euros por animal.
Se nos centramos no conxunto da comarca en base ao número de vacas e o tamaño medio das explotacións, explicou a secretaria xeral, estas axudas suporán un impacto de preto de 7 millóns de euros.
Alba Forno lembrou que a maiores desta liña tamén se van públicar axudas ao resto de sectores gandeiros, entre eles o das vacas nodrizas, avícolas e cunícolas afectados pola suba dos custes de produción e a guerra de Ucraína. Así mesmo, os gandeiros beneficiaranse da rebaixa de 20 céntimos no combustible, dunha redución fiscal do 20% para todas as gandarías en módulos e de diversas liñas de financiación e refinanciación.
Alba Forno cualificou como “histórica para o sector” esta liña de apoio e subliñou a aposta decidida do Goberno de Pedro Sánchez para articular respostas coas que facer fronte ao actual escenario de crise, que ao sector primario lle afecta de maneira directa polo aumento dos prezos da enerxía e dos insumos.
“Fronte a resposta do Goberno socialista, seguimos observando con perplexidade a falta de medidas de apoio ao sector por parte da Xunta”. “A día de hoxe”, sinalou Alba Forno, “non hai publicada no DOG nin a primeira iniciativa a favor dos gandeiros e do medio rural para contrarrestar o impacto da guerra”.
“O goberno local do PP e, en especial, o concelleiro de gandaría, Avelino Souto, levan meses atacando a xestión do goberno central e solicitando solucións urxentes mentres calan ante a inacción da Xunta de Galicia”, engadiu.
“Solicitámoslle a Souto que abandone a súa estratexia de confrontación, que recoñeza o impacto positivo que as medidas do Ministerio de Agricultura van ter no noso concello e que lle reclame á Xunta iniciativas de apoio coa mesma intensidade, pois da contra perderá toda credibilidade e deixará claro que non lle importan os gandeiros, senón que se move en función dos intereses do PP”, sinalou.
A secretaria xeral dos socialistas de Lalín tamén se pregunta con curiosidade se “despois de tanto ataque furibundo, pleno tras pleno ao Goberno socialista, Avelino Souto terá pensado solicitar as achegas ao sector lácteo para a súa explotación”.