O PSOE acusa a Crespo de culpar á cidadanía da súa falta dun modelo urbano de vila

Denuncian, por outro lado, a proliferación de estacionamentos irregulares sobre a nova plataforma peonil das rúas Principal e Loriga.
Daniel Santalla
marzo 10, 2022

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Lalín seinala que “coas súas últimas declaracións José Crespo recoñece de maneira aberta que carece dun modelo de vila e dun proxecto claro de mobilidade urbana para Lalín”. “O máis grave”, engaden, “é que carga a súa incompetencia nesta materia culpando á cidadanía á que cualifica de “inmadura” para afrontar unha mobilidade máis adaptada ás persoas e menos aos coches”.

Os socialistas pídenlle a Crespo “que deixe de marear a perdiz e de mentirlle aos lalinenes” e que sexa claro coas súas verdadeiras intencións á hora de peonalizar as rúas Principal e Loriga. Lamentan a súa falta de valentía por motivos electorais e o cinismo dun alcalde incapaz de liderar un proceso fundamental para os intereses do Lalín do futuro.

O PSOE entende que “inmaduro” “é un alcalde que non tivo altura de miras e que utilizou o proceso de peonalización iniciado polo goberno anterior como arma de desgaste político e a prol dos seus intereses electorais, mentres agora, de novo na alcaldía, contradí as súas propias palabras e accións, pechando o centro de Lalín sen previo aviso cun valado de obra ou afirmando que están a favor de peonalizar pero que ao final, de modo prepotente e autoritario, vai “facer o que lle pareza”. Para os socialistas “é alarmante a incapacidade do goberno do PP para afrontar o cambio de modelo urbano que Lalín precisa, mentres quen paga as consecuencias é unha veciñanza e un tecido comercial que quedará atrás con respecto a outros concellos onde xa se aplican as novas dinámicas de mobilidade”.

Estacionamentos irregulares

Os socialistas de Lalín denuncian, por outro lado, a proliferación de estacionamentos irregulares sobre a nova plataforma peonil das rúas Principal e Loriga. Ao carecer de diferentes niveis e permitirse o paso de coches, estanse a producir aparcamentos sobre as marxes, que ademais de impedir a correcta accesibilidade contribúen ao deterioro da obra en tempo récord. O PSOE xa advertira de que isto ía suceder, do mesmo modo que acontece de maneira habitual na humanizada rúa Manuel Rivero, sen que o goberno local mova un dedo para controlar a situación. O PSOE reclama máis vixilancia e a aplicación das medidas necesarias para que estas situacións deixen de ter lugar.

Novas relacionadas