O PSOE acusa á concelleira de Comercio de converter o concurso de balcóns nun despropósito

Indican que a iniciativa “debería servir para dar vida e dinamizar as rúas nestas datas e non para causar polémica ou levantar sospeitas relacionadas con cuestións políticas”.
Daniel Santalla
enero 4, 2022

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Lalín, “desde o máximo respecto e consideración polo traballo de todas as persoas participantes no concurso municipal de decoración de balcóns por Nadal”, denuncia “o despropósito no que o goberno do PP e, particularmente, a desaparecida concelleira de comercio, Karen Fernández, converteron esta iniciativa”.

Indican que “a falta de obxectividade en relación co estipulado nas bases do concurso por parte dun xurado formado por concelleiros e outras persoas próximas ao Partido Popular foi evidente e provocou fonda indignación tanto en boa parte dos participantes como na cidadanía en xeral e demostrou novamente que está de volta o PP dos chanchullos e dos “nosos e os deles”.

Non obstante, os socialistas “queren denunciar, de maneira particular, a manifesta incapacidade da concelleira de comercio para organizar calquera tipo de iniciativa e para xestionar unha área que leva tempo totalmente paralizada en Lalín”. Sinalan que a propia concelleira, Karen Fernández, chamou a un dos participantes para comunicarlle que acababa de recibir o primeiro premio e, posteriormente, prodúcese un cambio nas posicións dos tres balcóns premiados que é anunciada unicamente pola prensa.

“Todas estas cuestións”, engaden, “evidencian o esperpento no que a edil de Comercio pola súa escasa bagaxe xestora convertiu un concurso que debería servir para dar vida e dinamizar as rúas nestas datas e non para causar polémica ou levantar sospeitas relacionadas con cuestións políticas”.

Novas relacionadas