O goberno de Vila de Cruces eloxia o traballo “referente” do grupo de Protección Civil do municipio

O rexedor anuncia a visita mañá do delegado da Xunta e agarda que "non sexa so para sacarse unha foto".
Redacción
febrero 10, 2022

O alcalde de Vila de Cruces -xunto co resto do goberno- expresou hoxe o “orgullo” que senten por “conseguir revitalizar o servizo de Protección Civil do municipio. Nesta liña, destaca que “un servizo que hai anos estaba practicamente obsoleto e sen voluntarios que o atendesen” pasou a ser “primordial” e “actúan incasablemente ante todas as peticións que lle realizan”.

Nun contexto no que ademais houbo que xestionar unha pandemia, o goberno de Xuntos di que o grupo de Protección Civil foi “un referente”.

Ao mesmo tempo, critican que o anterior alcalde o “esquecese”, “condenándoo á desaparición”. “Non se coidou desde a administración”, din, “e agora que goberna Xuntos volvéuselle dar o prestixio que se merece”.

Taboada está a esperar estes días “a inminente entrega do vehículo solicitado desde o concello á Xunta de Galicia para equipar como se merece a este grupo de voluntarios”. Lembra que “é un grupo totalmente voluntario e non dispón de medios”, así que “traballan día a día co que poden”. “Que menos que axudar desde o Concello en todo o que podamos”, di Taboada, “e a entrega deste novo vehículo axudará ao seu gran traballo diario”.

VISITA DO DELEGADO DA XUNTA

Taboada informou ademais de que o delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López, visitará mañá as instalacións de Protección Civil en Vila de Cruces.

O alcalde espera que “non quede nunha simple visita para facerse unha foto”, polo cal “fixo extensiva a invitación recibida no día de hoxe no consistorio a todas as demais forzas políticas. Deste xeito busca un apoio conxunto “ao noso equipo de xente de Protección Civil, empezando pola súa resolutiva presidenta, Susana Cea Viéitez, quen co apoio do concello conseguiu que este servizo, tan necesario no rural galego este atendido con 5 persoas fixas nas que mesmo en ocasións chegáronse á case unha ducia de voluntarios”.

Isto foi, conclúen, “algo imposible co anterior goberno”, xa que “quedou demostrado que para Otero este era un servizo do que se podía prescindir”.

Novas relacionadas