O goberno de Vila de Cruces culpa ao BNG de que aínda non se pagasen facturas pendentes

Mireya Otero anima a Fiuza a preguntar aos veciños se cobraron as facturas de xaneiro deste ano.
Redacción
febrero 17, 2023

O alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada, saíu ao paso das críticas do voceiro do BNG, Alex Fiuza, sobre as facturas pendentes de pago por parte do goberno local.

Taboada afirma que “Fiuza quere enganar aos veciños e que a culpa da situación é do propio Fiuza”.

Taboada sinalou que “se alguén aínda non cobrou do ano pasado é porque en catro plenos celebrados para pagar facturas, Fiuza e o seu grupo político votaron en contra de facer os pagos”.

Agora, segundo Taboada, teñen a “pouca vergoña” de dicir nos medios de comunicación que o goberno local non paga aos provedores.

Mireya Otero, responsable de economía do goberno local, animou a Fiuza a preguntar aos veciños se cobraron as facturas de xaneiro deste ano, que dependen directamente do goberno.

Mireya Otero destacou que non foi necesario levar estas facturas a pleno para que se votara en contra de pagalas por parte do BNG, deixando aos veciños sen cobrar.

Mireya Otero criticou a postura do voceiro do BNG e afirmou que é incrible que eles mesmos se crean as súas propias mentiras, cando saben á perfección que se a día de hoxe os provedores con facturas pendentes do ano pasado non puideron cobrar, foi en gran parte por culpa de que eles mesmos e o resto da oposición non foron capaces de aprobar en 4 plenos os cobros que lle pertencían aos provedores”.

Por iso recoméndalles “que deixen de facer unha apoloxía barata para querer mentirlles aos veciños e veciñas cando a realidade está a vista de todos”.

E resalta que a oposición de Vila de Cruces “non está sendo nada construtiva, só miran por estar no poder sen darse conta que lle están a facer dano aos veciños e veciñas impedindo que cobren as facturas que lles corresponden. Ou mesmo deixándoos sen subvencións nominativas deportivas, culturais e ás ANPAS ou mesmo as axudas directas a todos os nenas e nenos do concello tras votar en contra o presuposto”.

Por iso, Mireya aconséllalle que “en vez de dedicarse a ser “creador de contido” se dedique a ser un concelleiro con altura de miras e preocupado por Vila de Cruces”.

Novas relacionadas