O Concello de Vila de Cruces presume de desbroces

O goberno afirma que xa rozou "o 100 por cento das pistas asfaltadas das súas parroquias, e o 60 por cento das pistas de concentración parcelaria e camiños do monte"
Redacción
diciembre 8, 2021

O Concello de Vila de Cruces xa rozou “o 100 por cento das pistas asfaltadas das súas parroquias, e o 60 por cento das pistas de Concentración Parcelaria e Camiños do Monte”, segundo datos ofecidos esta tarde a través dun comunicado.

As cifras acádanse “grazas aos labores de limpeza dos camiños e vías de acceso, actualmente en curso, uns traballos que requiren de operarios manuais con motoserras para poder acceder debido a gran cantidade de maleza acumulada ao longo de máis de 10 anos sen ningún tipo de actuación”. Forman parte da execución do plan de roza de pistas municipais “impulsado polo alcalde para eliminar os matoxos e a maleza no total das 28 parroquias municipais, para manter a salubridade e evitar posibles incendios na Vila e mellorar os accesos.

Así o deu a coñecer o alcalde Luís Taboada, quen nunha visita aos labores de limpeza destacou a “rapidez e eficacia das tarefas realizadas ata o de agora, logro que achacou á incorporación este ano do alugueiro “dun novo brazo mecánico articulado”. Esta maquinaria “non se puido comprar por negativa dos grupos da oposición PP-BNG e PSOE, que non lles parecía importante o rozar e manter a maleza controlada”.


A mecanización dos labores permitiu “axilizar os traballos e facer os labores de maneira máis efectiva e organiza”, de tal maneira que Luís Taboada informou de que desde que o plan se puxo en marcha o pasado maio “xa se rozaron a totalidade das pistas asfaltadas e practicamente o 60 por cento das pistas de Concentración Parcelaria e camiños do monte, inclusive nalgunhas xa se rozou dúas veces”.

Segundo o Concello, estas cifras que supoñen que “en Vila de Cruces cóntase con 155 km cadrados de zona maiormente rural e unha gran masa forestal que necesitan rozas e que están totalmente intransitables, tendo que usar motoserras e traballos manuais de roza para que poidan acceder a maquinaria, o que fai que estes traballos se retrasen”.

Para o alcalde Luís Taboada, “calcúlase que os traballos non poden ter un mes concreto para o seu comezo e o seu final, senón que ten que ser un traballo constante”.


A intervención forma parte, en palabras do alcalde, de “as liñas prioritarias da xestión deste novo goberno, na que destaca as parroquias como unha das nosas principais prioridades”, dixo, para a continuación citar, entre outras actuacións impulsadas desde o Concello de Vila de Cruces, “o plan de choque para a limpeza de todas as parroquias, un novo plan asfáltico, que en breve anunciaremos”.


Luís Taboada adianta que “esta vai ser nosa liña de actuación durante este mandato, porque, como dixen en reiteradas ocasións, as parroquias e sobre todo o rural son un aceno de identidade na nosa forma de traballar e así é como o entendemos”.

Novas relacionadas