O Concello de Dozón presenta o luns a liquidación de conta “máis elevada da súa historia”, de 2,4 millóns de €

O orzamento inicial de 2022 incrementouse nun 55% e a liquidación ao remate do exercicio aumentou un 8% respecto á do ano anterior. O alcalde, Adolfo Campos, salienta que “as cifras constatan a gran capacidade de xestión do goberno local para conseguir fondos doutras administracións” e tamén “a contención do gasto corrente”. Salienta que o 49,3 % do gasto, concretamente 1,21 millóns de euros, destinouse a investimentos, fundamentalmente para mellorar as infraestruturas municipais.
Redacción
febrero 26, 2023

O goberno local de Dozón dará conta no pleno ordinario convocado para o vindeiro luns ás 13.00 horas da liquidación do exercicio de 2022, que será “a máis elevada da historia do concello” e que ascende a 2.472.672,98 euros.

Esta cifra é un 8% superior á liquidación do exercicio de 2021 e representa un incremento dun 55% respecto ao orzamento inicial de 2022, aumentando os recursos municipais en 900.000 euros.

“Os preto de 2,5 millóns de euros da liquidación son a cifra máis alta da historia de Dozón e supoñen un total de 2.405 euros por habitante”, avanza o alcalde, Adolfo Campos.

O rexedor salienta que “estas cifras constatan a gran capacidade de xestión do goberno local para conseguir fondos doutras administracións” e tamén “a contención do gasto corrente”, o que fai posible destinar o 49,3% do gasto a investimentos, concretamente 1,21 millóns de euros, orientados fundamentalmente á mellora das infraestruturas municipais.

Entre os investimentos máis destacados figuran a rehabilitación da casa consistorial (450.000 euros), máis de 300.000 euros no mantemento da rede viaria, a rehabilitación da Cámara Agraria, a construción do segundo viveiro de empresas e a construción da pista multideporte.

A estas actuacións hai que engadirlle os proxectos acometidos por outros organismos, destacando por parte da Xunta de Galicia a rehabilitación do mosteiro de San Pedro de Vilanova (300.000 euros) e a pavimentación do acceso ao núcleo de Vilarello.

Pola súa parte, entre os proxectos da Deputación de Pontevedra destaca a pavimentación da estrada Sisto-As Maceiras e outras vías provinciais.

Novas relacionadas