O cadro de persoal de Lalín retoma as mobilizacións contra Ambulancias Quiroga

Denuncian “inumerables irregularidades e incumprimentos das condicións laborais e dos pregos de condicións do 061”.
Daniel Santalla
febrero 1, 2022

Logo de varios intentos de negociación para que Ambulancias Quiroga cumprira os acordos asinados coa entrada en vigor do concurso do transporte sanitario urxente dependente do 061, os traballadores e traballadoras de Lalín retoman as mobilizacións e anuncian unha nova manifestación. Afirman “estar fartos das mentiras e das voltas do empresario con tal de non cumprir os acordos”.

Denuncian varias situacións que consideran graves e das que responsabilizan a Ambulancias Quiroga, adxudicataria do servizo. Segundo Pablo Taboada, delegado de persoal da CIG: “desde que se fixeron cargo do servizo a ambulancia de Lalín está nunha situación de absoluta precariedade de medios que non só afecta ás condicións laborais senón tamén ao servizo que prestamos”.

Denuncian o incumprimento dos acordos, vixentes xa desde anterior contrata e que “Ambulancias Quiroga a pesar de asinar os acordos, leva dous anos sen cumprilos aducindo que os seus socios da UTE o enganaron e que a concesión non lle dá, algo que consideramos inecaptable”, di Taboada. Pola falta de persoal hai traballadores/as eventuais que realizan quendas de traballo de até 48 horas seguidas ou máis, sen o descanso obrigatorio, e superando nalgún caso as 300 horas mensuais.

Afirman que a pesar de que o convenio establece claramente o día de cobro, o retraso é sistemático no abono das nóminas ao que se suma o impago da paga de regularización ou a terceira paga extraordinaria aos traballadores eventuais.

Ademais non todos os traballadores e traballadoras dispoñen de uniformidade propia, sendo a solución da empresa que a compartan, cando segundo a normativa vixente en materia de saúde laboral, están consideradas EPIs, polo tanto está prohibido o uso compartido. A empresa impide ademais a estas mesmas traballadoras e traballadores a enviar a roupa á lavandería para a sua correcta desinfección. O resto do persoal, despois de dous anos da adxudicación do sevizo á citada empresa, tampouco contan coa uniformidade completa que recollen o pregos do concurso e que son diferentes da do concurso anterior.

A empresa non realiza a limpeza do centro de traballo desde que se fixo cargo do sevizo, non dispoñendo dun lugar axeitado para levar a cabo tarefas de desinfección do vehículo sanitario, tendo que facelo en vía pública independentemente da climatoloxía e da presenza de viandantes.

Denuncian que a precariadade na que desenvolven o seu traballo é tal que a ambulancia de Soporte Vital Básico non dispón de sistema de telepeaxe, o que obriga, aínda tratándose dunha urxencia vital, a parar na cabina de pago manual da autoestrada para dar os datos de facturación, chegando en ocasións a estar á espera para ser atendidos máis de cinco minutos. Feito do que está informada a fundación 061, e que ata o momento ignorou.

Ao 061 tamén lle solicitan a comprobación de que a ambulancia de apoio cumpra como mínimo co 75% dos servizos nos que se requira, como estipula os pregos do concurso. Coñecido é que isto se incumpre posto que a empresa so dispón dun único traballador/a para este servizo o que imposibilita dita cobertura. Ademáis trátase dun vehículo tipo A2, empregado no transporte programado non urxente, e polo tanto, carente dos recursos materiais necesarios, esto engadido a que vai un só técnico imposibilita unha axeitada asistencia nunha emerxencia.

Por todo esto, piden á Fundación 061, dependente do SERGAS e propietaria do servizo, que tome as medidas que sexan precisas para solventar estas deficiencias, que en último e máis importante termo, poden supoñer algunhas delas un risco vital para os veciños da comarca. Mentras tanto os traballadores e traballadoras retomarán as mobilizacións e anuncian unha manifestación o próximo día 8 ás 11:30h en Chantada.

Novas relacionadas