O BNG rexistra a solicitude de convocatoria urxente da mesa do SAF para poñer fin á “intolerable situación de abuso e explotación laboral”

Din que o Concello debe ser parte activa da solución e non do problema.
Redacción
febrero 21, 2023

O Bloque Nacionalista Galego de Lalín vén de rexistrar a solicitude para que se convoque de maneira urxente a Mesa de Seguimento do SAF para poñer fin á “intolerable situación de abuso e explotación laboral de veciñas de Lalín”, con “graves consecuencias para os usuarios deste servizo”.

Os nacionalistas subliñan que o consistorio “ten que ser parte activa da súa solución e non do problema”.

Para o BNG é fundamental garantir que a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) sexa idónea, cumplindo cos obxectivos que ten marcados como son a mellora da calidade de vida dos usuarios, posibilitar a permanencia das persoas no seu entorno de convivencia habitual ou favorecer a autonomía peroal no propio municipio, entre outros.

Outra das prioridades ten que ser que as traballadoras que imparten dito servizo conten con algo tan básico como é ter garantidos os seus dereitos laborais, “realidade esta que dista a día de hoxe de cumprirse”.

Desde o BNG esíxenlle ao goberno que actúe de inmediato para por fin “a esta gravísima situación, xa que non se pode permitir adxudicar un contrato millonario a unha empresa privada, e despois desentenderse das condicións laborais nas que as súas traballadoras realizan o traballo ou as consecuencias que isto conleva para os usuarios”.

Dende o BNG reiteran que a empresa “imcumpre o convenio xa que non aplicou o incremento do IPC, do 5,7 %, nin tampouco actualizou a quilometraxe, cando tiña que telo feito en ambos casos desde o mes de xaneiro”.

No caso da quilometraxe defenden que o servizo “non pode ser pagado só entre domicilios, e polo tanto, establecer un punto referencial de partida que entendemos que ten que ser a sede da empresa en Lalín, e que ao mesmo tempo ten que reorganizarse por proximidade”.

De especial importancia resulta tamén “o retraso co que o Concello de Lalín asigna novos usuarios ás traballadoras cando se liberan horas por motivos de falecemento ou hospitalización, situación esta, que propicia unha merma moi importante na nómina da plantilla e evidentemente a conseguinte tardanza e desatención no servizo de novos usuarios que o precisan, con carácter urxente, e que ven como acumulan moito tempo de garda incompresiblemente”.

Aínda por riba, “esta situación de deixadez por parte do Concello, créalle un importante problema ás traballadoras debido a que estas horas acumúlanse nunha bolsa que logo teñen que recuperar ou son restadas da súa nómina”.

Ao mesmo tempo, piden o incremento da xornada de traballo ao 100% das traballadoras.

A todo isto engaden “a falta de material que non se lles aporta como pode ser calzado ou batas”,

Tendo en conta que é dun dos contratos máis importantes do Concello, tanto a nivel de contía económica, con 8,7 millóns de euros para os cinco anos de duración no que se licitou, como a nivel social, denuncian que “o anteriormente exposto é unha radiografía dunha situación gravísima que se produce na prestación deste servizo, e na que o consistorio non pode seguir mantendo por un segundo máis unha posición pasiva ou equidistante entre as partes e non velando pola defensa do interese xeral da veciñanza”.

Novas relacionadas