O BNG reclamará medidas no Parlamento galego para frear o deterioro da sanidade en Lalín

A deputada, Montse Prado, e membros do BNG local concentráronse onte diante do centro de saúde.
Daniel Santalla
enero 19, 2022

O Bloque Nacionalista Galego levará ao Parlamento autonómico unha serie de medidas para que, en palabras da deputada Montse Prado “a sanidade de Lalín goce dunhas condicións minimamente dignas”. Entre estas propostas reclamarán que se dote o centro de saúde e o CIS dos recursos necesarios sanitarios e humanos, a dotación dunha ambulancia medicalizada ou o reforzo dos equipos do Punto de Atención Continuada (PAC).

Nunha concentración diante do ambulatorio o BNG quixo “dar a voz de alarma ante a situación dramática da atención primaria que a pandemia visibilizou con toda a crudeza”. Trátase este dun escenario que segundo Prado “é consecuencia de 12 anos de deterioro continuado da sanidade por parte do PP”. Como exemplo explicou que desde 2012 a 2017 se reduciu en 110 o número de médicos de primaria e en 79 o de pediatras. A Xunta deixou de ofrecer datos deste tipo a partir de 2017 “para que non se observe o desmantelamento”.

Montse Prado mostrou “preocupación máxima, porque vemos profesionais sanitrios desesperados e sociedade desesperada. Son os profesionais os que sofren as consecuencias da presión da poboación e é a poboación quen sofre o deterioro da sanidade, especialmente os máis vulnerables”, engadiu.

Doutra banda lembrou que “as competencias en sanidade son dunha Xunta que no peor dos escenarios segue recortando. Para o ano haberá 2 millóns de euros menos para atención primaria, 47 millóns menos que no 2009”, asegurou. “Hai contratos de días e de semanas e o PP non fai nada por reter os médicos que rematan a formación, porque as condicións non son dignas. Tamén é preciso crear novas especialidades como as relacionadas con saúde mental, así como activar carteiras de servizo”, sostivo a deputada nacionalista.

Polo seu lado o voceiro municipal, Francisco Vilariño reafirmou que “a situación do novo CIS nos preocupa. Dixemos que non queriamos cambiar unha construción obsoleta por outra, se non que o novo centro debería contar con máis medios humanos, técnicos e especialistas”. “O alcalde non ten outra ocorrencia máis que ofrecerlles unha vivenda aos médicos e isto é unha barbaridade”, sinalou. Así, Vilariño cargou contra a Xunta “porque non se pode ter planificado unha infraestrutura sen contido” para predicir que “isto vainos condenar nos próximos anos”.

Francisco Vilariño subliñoou que o BNG “seguirá insistindo na necesidade dunha ambulancia medicalizada, no reforzo de persoal do equipo da ambulancia de apoio, así como en que se completen os equipos do PAC”, cuestión que irá ao vindeiro Pleno.

Novas relacionadas

O PSOE cifra en 2,5 millóns as axudas directas do goberno central para o sector lácteo en Lalín

O PSOE cifra en 2,5 millóns as axudas directas do goberno central para o sector lácteo en Lalín

Alba Forno cualificou como “histórica para o sector” esta liña de apoio e subliñou a aposta decidida do goberno de Pedro Sánchez para articular respostas coas que facer fronte ao actual escenario de crise na agricultura e a gandaría. Fronte a isto, a secretaria xeral dos socialistas lalinenses denuncia “a parálise da Xunta” e lembra que “a día de hoxe non hai publicada no DOG ningunha medida a favor dos gandeiros”.