O BNG pide unha comisión de investigación sobre o caso de Pepe Iglesias

“Hai una evidente responsabilidade política que depurar", di Francisco Vilariño.
Redacción
octubre 13, 2021

O Bloque Nacionalista Galego de Lalín levará una moción para o seu debate no vindeiro pleno municipal para reclamar a constitución dunha comisión de investigación sobre o caso de Pepe Iglesias.

Os nacionalistas denunciaron a semana pasada que este exasesor do goberno de Crespo “seguíu exercendo as súas función e empregando recursos públicos para desenvolvelas incluso despois de ser cesado”.

O portavoz do BNG, Francisco Vilariño, solicita agora a apertura desta comisión de investigación ante “a falta de transparencia e as mentiras do Partido Popular” sobre o caso, “que se agrava co paso dos días”.

Nesta liña, considera que supón “unha actuación completamente irregular, que carece da máis mínima ética e que infrinxe calquera punto de vista, incluso legal, que se queira aplicar”.

Vilariño di que “existe unha usurpación de funcións, xa que dende xuño Pepe Iglesias non ten ninguna relación contractual co Concello de Lalín” e, con todo, “outórgase unha representación inexistente”.

“O máis grave”, di, “é que actúa como un comisario político empregando medios públicos” e que “o goberno municipal lle dá orde de facelo e llo permite”.

O BNG quere que nesa comisión de investigación estean representados os grupos políticos municipais e que poidan chamar a funcionarios municipais, empresas adxudicatarias, vecinos e veciñas ou profesionais externos que traballan para o concello.

Tamén a políticos, xa que “hai una evidente responsabilidade política” que hai que depurar.

Novas relacionadas