“Ante a crítica situación económica que moitas persoas están sufrindo”, o BNG rexistrará nos concellos unha moción para demandar á Xunta e ao Estado medidas urxentes para paliar as consecuencias da suba do prezo da electricidade, gas ou carburantes.
A escalada de prezos en bens e servizos, aínda que agravada pola guerra de Ucraína, xa se viña producindo desde tempo atrás, é un problema económico e social de primeira orde. Provoca perda de poder adquisitivo e polo tanto o empobrecemento das clases populares e dos sectores máis vulnerables da sociedade.
O informe da Rede Galega contra a Pobreza do ano 2020 sinalaba que o 25,7% da poboación galega estaba en risco de exclusión social ou pobreza. A día de hoxe, esta cifra será sensiblemente superior.
A electricidade subiu un 111,5%, o diésel, un 29%, a gasolina, un 25,5%, a bombona de gas, un 40% e os alimentos básicos segundo a FAO están no nivel máis alto dos últimos 60 anos. Fronte a isto, a suba salarial situouse moi por debaixo do IPC, 6,7%.
Ante esta situación “temos uns gobernos, estatal e da Xunta, incapaces de limitar a escalada de prezos imposta por especuladores que se aproveitan do conflito, ningún dereito significante recuperado para a clase traballadora arruinada polas eléctricas, queimada nos carburantes e estafada nos supermercados”.
Fronte a esta grave situación “non se entende que o goberno estatal demore até o día 29 aportar solucións mentres o resto de estados da UE están adoptando medidas para protexer sectores estratéxicos e á poboación”.
O BNG considera que é urxente demandar da Xunta e do estado actuar en varios ámbitos:
A nivel fiscal: sen perder de vista que hai que ir a unha reforma fiscal en profundidade para que pague máis quen máis ten ou imposto ás grandes fortunas, consideramos que nestes intres hai que ir a unha deflación do IRPF( que se pague polos ingresos reais, non polos nominais) ou aplicar o IVE superreducido á produtos esenciais ( alimentación, produtos hixiene)
No sector eléctrico é urxente: intervención publica que bote man dos beneficios caídos do ceo das eléctricas, nova regulación do mercado marxinalista, que desvincule o gas do prezo da enerxía que é un roubo legalizado que reporta millóns de beneficios, a creación de empresas públicas de enerxía ( que xestionen hidráulicas que vaian caducando ou eólica) ou unha Tarifa Eléctrica Galega que nos beneficie por ser produtores e asumir os custes ambientais e sociais da mesma
No sector de hidrocarburos: control e estabilización dos prezos con axudas a sectores específicos ( sector primario, transporte, …)
Sector primario. Que se cumpra a Lei de Cadea Alimentaria, evitando a venda a perdas, impulsando axudas polo incremento dos custos de produción, singularmente enerxía e combustíbeis eimpulsando a compra pública de pensos para garantir a subministración
A nivel social: suba do salario até o 60% do salario medio, tal e como reza a Carta Social Europea ratificada polo estado español. A suba dos salarios con arreglo ao IPC ou as pensións máis baixas, compromiso do actual goberno estatal